Cousas Nosas de Cospeito organiza unha viaxe a Nazaré do 22 ao 24 de maio con visitas guiadas por Portugal

A localidade portuguesa de Nazaré será o destino dunha nova viaxe organizada polo colectivo de Mulleres Rurais de Cospeito, Cousas Nosas, que terá lugar do 22 ao 24 de maio, cun programa que inclúe desprazamento en autobús, estancia en hotel e diferentes visitas guiadas por algúns dos enclaves máis destacados da zona.
A saída está prevista para o venres 22 ás 13:00 horas diante do concello, mentres que o regreso terá lugar o domingo 24 despois das 21:00 horas. A proposta inclúe aloxamento en habitación dobre, con suplemento de 60 euros no caso de optar por habitación individual, así como réxime de pensión completa e todos os tours guiados previstos no itinerario.
Durante a estadía realizaranse visitas a lugares de interese como Aveiro, coñecida polos seus canais e embarcacións tradicionais; Costa Nova, famosa polas súas casas de cores; a vila medieval de Óbidos; e a propia Nazaré, un dos destinos costeiros máis emblemáticos de Portugal.
O prezo da viaxe é de 200 euros para persoas socias e de 275 euros para non socias. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición, establecéndose como data límite ata esgotar dispoñibilidade. No momento da inscrición deberá aboarse un importe de 50 euros en concepto de reserva.