“Creamos un espazo para que as familias compartan necesidades e preocupacións”
Tania Pardo é a concelleira de Educación no Concello das Pontes e responsable do proxecto Espazo en Familia.
O Concello das Pontes continúa coa segunda edición do programa de apoio socioeducativo Espazo en Familia dirixido a todas as familias pontesas con fillos e fillas menores de idade escolarizados nos centros educativos das Pontes.
Unha iniciativa que ten como obxectivo prioritario ofrecer aos pais e nais un lugar para compartir as súas inquedanzas sobre a crianza e educación dos seus fillos e fillas e poder abordarlas con éxito e que , segundo palabras da concelleira de Educación, Tania Pardo “busca que as familias que participen neste programa, coa axuda de profesionais no ámbito da educación social, da terapia familiar e da psicoloxía e educación intantil, aprendan a desenvolver accións de crianza postiva que faciliten e promovan o desenvolvemento dos seus fillos e fillas”.
O programa, no que se establecen diversos grupos de traballo, dirixidos ás familias con fillos e fillas menores escolarizados nas distintas etapas educativas, a través de sesións grupais e individuais e accións de formación, abordará nesta segunda edición temáticas como a conciliación e autocoidado familiar, a xestión dos momentos de crise (divorcios, separacións…) ou a xestións de conflitos e rabietas.
Así, este luns, 24 de outubro o tema será Como xestionar os danos emocionais. As situacións negativas que implican un trauma alteran o modo vivir de calquera persoa. Se estas situacións traumáticas vivímolas ao ser nenos pódese ver afectado o noso desenvolvemento da personalidade e os procesos cognitivos.
Todas as familias interesadas en participar neste coloquio poden inscribirse nesta ligazón no teléfono 622155806 ou no correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com.
A Concelleira responsable de área, Tania Pardo, relata en que consiste este proxecto, que comezou o ano pasado cun gran de éxito de público.
Como foi a experiencia o ano pasado?
O ano pasado arrancamos co programa no terceiro trimestre do curso escolar. O Espazo Familia está concebido en varias liñas e nas sesións grupais, as que son máis en formato charla, falouse de saúde mental, prevención de pantallas, altas capacidades, necesidades educativas especiais, e tivemos unha reacción moi positiva xa que participaron 80 familias nese apartado. Paralelamente están pensadas unhas sesións individuais, cunha única familia ou un pequeno grupo delas que teñan problemáticas en común e trátanse esas temáticas, con especialistas do tema. Nestas sesións participaron unhas 15 familias.
Que pasa nesas sesións individuais?
Principalmente se lles poñen unhas pautas, un plan de traballo para que sigan na casa. Esto é así con cuestións como o estudo dos rapaces e rapazas pero noutras temáticas máis complexas, como saúde mental, adiccións, etc, se lles fai un seguemento e asesoramento. O que buscamos é que sexa un espazo no que as familias compartan esas necesidades e preocupacións que teñen, falen entre elas, empaticen, para que dé lugar ao diálogo e o desfogo. Deste xeito podemos comprobar que existen problemáticas comúns e coñecer formas de abordalas.
Que inquedanzas son as máis habituais?
As máis destacadas son os estudos, a xestión dos conflictos, as novas tecnoloxías e o seu uso. As familias tamén amosan preocupación e interese polas necesidades educativas especiais, incluídas as altas capacidades. Paso previo á configuración do programa, desde o departamento de Benestar Social detectamos unha serie de temas de interese e, a través deste programa tratamos de darlles resposta, temas como o coidado, a alimentación, a lactancia ou a xestión de conflictos formarán parte desta segunda edición.
De cara a este ano, que hai previsto?
Nesta segunda edición de Espazo en Familia seguiremos abordando aquelas temáticas que as familias plantexen. Comezamos o día 10 cunha charla coloquio sobre conciliación familiar e autocoidada para, a continuación, afondar en aspectos como a xestión de conflitos (separacións, divorcios, perdas familiares) o establecemento de límites, o rol da familia no deporte ou o consumo responsable, entre outros aspectos. Falaremos de motivación, de técnicas para organizar o estudo, de sexualidade e afectividade, etc. Este ano imos abordar as ludopatías nas redes sociais, especialmente na adolescencia. Tamén falaremos de TEA, estando sempre a disposición das familias para abordar calquera temática que nos plantexen.
E de cara ao futuro?
Este proxecto está concebido para traballar paralelamente nos centros educativos, e abordar as temáticas que se tratan en Espazo en familia nas aulas dos centros educativos das Pontes. O seguinte paso é establecer un marco de colaboración cos centros da nosa vila para avanzar cara un proxecto integral que aborde as inquedanzas dos pais e nais das Pontes desde múltiples perspectivas”.
Estas sesións están pensadas logo para pais, non para os nenos.
Certamente, é un programa dirixido ás persoas adultas da familia, é un espazo concebido para que compartan as inquedanzas e problemáticas socioeducativas que afectan aos seus fillos e fillas.
Que periodicidade teñen?
As sesións son semanais, tanto as grupais como as individuais. As grupais teñen lugar todos os luns polas tardes e as individuais hai a posiblidade de facelas pola mañá ou pola tarde tanto os luns como os sábados.