Crean en Meira unha plataforma para xestionar os proxectos eólicos
Un grupo de veciños veñen de crear unha plataforma para xestionar e informar sobre os proxectos de macroeólicos que se prentenden instalar na contorna e que afectan aos concellos de Meira, A Pastoriza e Pol.
O novo colectivo levará o nome de Alto Miño e quere poñer de relevo tamén o que pasa con outros parques e megaproxectos que hai por toda Galicia e tamén polo resto de España.
"Co fin de podermos ter algún tipo de identidade como grupo, pensamos en crear unha plataforma que nos aglutine e que nos represente", indican.
Unha plataforma non é unha asociación, polo tanto non dá personalidade xurídica. É unha agrupación de xente que ten uns obxectivos, condicións ou problemática comúns e apoian un manifesto que os representa. "Neste caso somos persoas en contra deste tipo de creación de parques de macroeólicos na nosa zona e da maneira na que se está a facer, sen ter en conta á veciñanza", explican os organizadores.
Por este motivo, a veciñanza está convocada a unha reunión o venres 11 de marzo ás 21:30 horas na casa da cultura de Meira, onde se formalizará a creación desta plataforma.
Como engaden, estar na plataforma non vincula a nada: non hai cuota, non hai obrigas, pode entrar quen queira (persoas, asociacións, empresas, administracións, outras plataformas,...) "non ten fin lucrativo, o único que indica é o apoio ao manifesto que a representa".