Crean en Xermade unha plataforma anti-eólicos que pide o posicionamento do Concello
A Plataforma Anti-Eólicos Terra Chá, xurdida a raiz do anuncio do Parque Eólico Santuario, que afecta fundamentalmente aos concellos de Xermade, Vilalba e Guitiriz, vén de rexistrar no Concello de Xermade un escrito solicitando o posicionamento do pleno municipal contra o recentemente publicado proxecto de parque eólico Mistral.
O escrito, dirixido tanto à Alcaldía como aos distintos grupos políticos que conforman a corporación municipal (PsdeG e PP), busca tanto a oposición a este parque como aos proxectos deste tipo no seu conxunto. Recentemente xa foi anunciado e tivo o seu periodo de alegacións o PE Santuario, de 180mw. O agora anunciado Mistral, de 100,8 mw, solapa en parte a área solicitada por Santuario.
"A tónica dominante nesta avalancha de solicitudes presentadas polas eléctricas perante a administración, concretamente e arredor das Pontes e as futuras ou hipotéticas plantas xeradoras de hidróxeno, ten como obxectivo crear toda unha sorte de parques limitantes uns cos outros ou mesmo solapados que aspiran a converter boa parte da terra Chá e das Terras do Eume nun grande parque eólico", explica este colectivo.
"A desproporción das áreas poligonais solicitadas polas empresas garanten uns direitos de explotación destas sobre amplas zonas agrarias e forestais. Aldeas e mesmo parroquias enteiras quedarían recalificadas e entragadas á vontade das mesmas empresas que agora nos están a atracar co prezo da electricidade: róubannos a terra para vendernos a luz", engaden.
Afirman no seu escrito que a implantación destes parque non só suporán novas cargas ou dereitos sobre a propriedade. "Poñen en grave xaque a continuidade de explotacións agrarias e gandeiras, as súas infraestruturas danan traídas de auga, viais e peches de propriedades. A sua atividade, desde a montaxe a logo durante o funcionamento, supón unha perturbación constante na vida das persoas que teñen a desgraza de ficar baixo a área de influenza tanto dos muiños, que neste caso acadan a altura de 200m, como dos distintos elementos necesarios para a evacuación e transformación da electricidade. Nen que dicer ten a xa probada perda de valor (até un 30%) das propiedades que fican encadradas tanto nas poligonais como na contorna máis inmediata destes parques. Supoñen, entón, unha puñalada mortal para un xa dabondo danado rural xermadés onde a poboación descende ano tras ano e a media de idade aumenta de maneira case irreversíbe", din.
Conclúen que apelan ao ben común e ao sentido de responsabilidade das forzas políticas locais "para unirse ao sentir da veciñanza que reclama contundencia e unidade para frear estes proxectos".
A Plataforma Terra Cha
A Plataforma Terra Chá foi creada para aglutinar a contestación veciñal aos proxectos macroeólicos da comarca. É de adscrición individual e está aberta a toda canta persoa se queira integrar nela "para defender un medio rural e unhas aldeas cun futuro libres da ameaza da predación das grandes corporacións enerxéticas".