Crean unha asociación veciñal na parroquia cospeitesa de Vilapene

TerraChaXa
Entre as actividades que a asociación poderá levar a cabo están a organización de cursos de formación, xornadas culturais, excursións, debates, conferencias e coloquios
asociacion-vilapene
27 Out 2024

Un grupo de mozos e mozas da parroquia de Vilapene, no concello de Cospeito, vén de constituír a Asociación Veciñal de Vilapene, a primeira deste tipo na zona. Esta iniciativa xurdiu pola demanda de moitos veciños e veciñas, que consideraban necesaria a creación dunha entidade veciñal que contribuíse ao desenvolvemento e dinamización da parroquia, un dos poucos lugares da contorna que non contaba cunha asociación desta natureza.

Os principais obxectivos da Asociación Veciñal de Vilapene inclúen dotar de personalidade xurídica ás futuras comisións de festas para facilitar a xestión de contratacións e pagos, fomentar a cohesión social entre os habitantes da parroquia, dinamizar a vida neste entorno rural e promover actividades lúdico-culturais. Ademais, un dos seus propósitos é a promoción da cultura galega e a preservación das tradicións locais.

Entre as actividades que a asociación poderá levar a cabo están a organización de cursos de formación, xornadas culturais, excursións, debates, conferencias e coloquios, así como festexos e eventos lúdicos para toda a comunidade.

Nunha data próxima, terá lugar a primeira reunión formal da asociación. Durante esta xuntanza, explicaranse con máis detalle os plans da nova entidade e recolleranse suxestións e peticións da veciñanza. Así mesmo, nesta primeira reunión tamén se procederá a inscribir como socios e socias a todas aquelas persoas interesadas en formar parte deste novo proxecto comunitario.

0.093888998031616