Crearán en Begonte unha base de datos cos terreos de vivendas á venda
O Goberno local de Begonte creará unha base de datos que recolla os inmobles ou solares dispoñibles no territorio municipal e facilite os contactos entre vendedores e posibles compradores. Esta iniciativa xurdiu porque o Concello está a recibir numerosas preguntas sobre leiras á venda para edificar, xa de antes da pandemia, pero agora con máis asiduidade.
A idea é crear unha base de datos onde se poda dar de alta o titular dunha parcela edificable ou dunha casa que se poida rehabilitar para favorecer a realización da transacción. Deste xeito, farase un anuncio para que as persoas interesadas se poidan anotar.
O obxectivo é lograr atraer novos veciños e fomentar que se recuperen casas pechadas. O Concello tamén prevé regular a existencia de axudas para aquelas persoas que proxecten construír ou rehabilitar unha vivenda no municipio de ata un máximo de 3.000 euros.
Ademais, o goberno local xa ten preparada unha nova ordenanza municipal, reguladora da concesión de subvencións para obras de conservación e rehabilitación ou de construción de novas vivendas.