Créase o Observatorio de Especies Exóticas Invasoras da Terra Chá
A Asociación Galega de Custodia do territorio (AGCT) desenvolveu durante a segunda metade do ano 2018 e primeira do presente 2019 o proxecto "Adaptando que é xerundio. Preparando a Reserva da Biosfera terras do Miño para o cambio climático", financiado pola Fundación Biodiversidad e pola Deputación de Lugo.
Neste proxecto realizouse, por un lado unha avaliación da ameaza que o cambio climático supón para tres hábitats de gran importancia na paisaxe chairega: o bosque aluvial, os humidais e os prados seminaturais, e elaboráronse propostas para a súa adaptación no actual esceario de cambio climático.
Por outro lado fíxose unha avaliación do risco que supoñen as EEI na Terra Chá e de como pode influír o cambio climático na súa abundancia e distribución. Dada a diversidade das EEI e a complexidade de actuar sobre algúns grupos, o traballo centrouse nas EEI vexetais terrestres. Comezouse por realizar un cartografiado das especies presentes, analizando a súa posible orixe e avaliando o seu grao de naturalización e capacidade de expansión.
Obtívose deste xeito unha imaxe da situación actual destas EEI na Terra Chá. Aínda que a situación coa maioría das especies non é grave en xeral, existen algúns puntos negros nos que comezan a proliferar e ameazan con extenderse. As especies máis problemáticas son a herba da pampa e a mimosa, que presentan poboacións de certa entidade sobre todo nos concellos de Guitiriz, Cospeito e Vilalba.
Neste proxecto buscouse a colaboración cidadá e para realizar o cartografiado de especies creouse unha ferramenta dixital a través da plataforma iNaturalist, que permite a calquera persoa subir citas destas especies cun teléfono móbil.
Un punto importante do proxecto é a busca de colaboracións coas administracións presentes no territorio para abordar o control das EEI. Para elo realizáronse diversas xuntanzas con alcaldes e concellais dos concellos chairegos, representantes do servizo de mantemento de estradas do Ministerio de Fomento e responsables dos servizos de obras da Deputación de Lugo. Atopouse en xeral boa acollida á iniciativa e xa se realizaron actuacións conxuntas, por exemplo, co concello de Guitiriz.
A AGCT realizou xa a eliminación de tres poboacións de mimosa, dúas de herba da pampa e dúas de vara de san Xosé, ademáis doutras pequenas actuacións en diversas localidades chairegas.
Como resultado de todo este traballo a AGCT ven de crear o Observatorio de Especies Exóticas Invasoras da Terra Cha, que pretende dar continuidade aos traballos de detección, información a administracións, divulgación entreo público xeral e eliminación de EEI, para evitar que estas especies se volvan un problema na comarca.