Cristina Abades, nova xefa territorial da Consellería de Política Social
Cristina Abades Martínez será a nova xefa territorial da Consellería de Política Social , cargo ao que se incorporou no día de hoxe segundo deu a coñecer o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
Abades Martínez é avogada, Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e funcionaria de carreira como Letrada Asesora. Ao longo da súa ampla traxectoria profesional desempeñou funcións de Secretaria Municipal do Concello de Cervo, onde se incorporou no ano 2001. Dispón tamén do Diploma de directivos da Xunta de Galicia.
A xefa territorial executa as directrices xerais -coordinadas desde a Delegación da Xunta en Lugo- no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, inmigración, atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e as políticas de mocidade e voluntariado.