Cristina Chao e Luis Pernas lideraron a cata da Feira do Mel de Montaña de Muras

TerraChaXa
Os recoñecementos entregáronse ao longo da xornada, aínda que o programa se iniciara xa o sábado cunha charla
cata-do-mel-de-montana
17 Nov 2025

A apicultora local Cristina Chao fíxose co máximo galardón á mellor mel monofloral na décima edición da Feira do Mel de Montaña, celebrada este domingo na Praza do Viveiró, en Muras. Na categoría de multifloral, o primeiro premio recaeu en Luis Pernas, que ademais fixo dobrete ao levarse tamén o segundo posto en monofloral.

Os recoñecementos entregáronse ao longo da xornada, aínda que o programa se iniciara xa o sábado cunha charla do veterinario Miguel Alonso Castro, da Asociación Leonesa de Apicultores, centrada no control poboacional da varroa e que atraeu numerosos afeccionados.

A feira, que cumpre unha década, continúa a medrar e a consolidarse. Con todo, este ano estivo marcada pola chuvia constante, aínda que iso non impediu que a carpa se fose enchendo de público interesado na venda de produtos, degustacións e música.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, destacou a importancia da apicultura para a economía local e valorou a implicación da Casa do Mel de Goente no éxito da cita. Pola súa banda, o responsable do evento, Manuel Ferreira, cualificou a feira de “consolidada” e puxo en valor as bondades do mel de montaña, que tamén puido ser degustada nunha cata celebrada o sábado.

Entre os postos de venda repetiron moitas caras coñecidas, aínda que tamén houbo produtores novos, como os propietarios de Mel Ferreiro, de Lourenzá, que se estrearon nesta edición. A cifra de colmeas representadas rondou as 130.

O ambiente completouse coa música da Banda de Música de Vilalba e No Cómbaro, ademais da animación con zancos e cantareiras de Títeres Alakrán. A cita pechouse cun magosto popular moi animado pola veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.074971914291382