Critican ao PSOE estatal por incumprir e adiar promesas respecto de Alcoa
A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, criticou “o cinismo e a falta de vergoña dos socialistas galegos, capaces de apoiar no Parlamento galego unha proposición non de lei solicitando medidas urxentes para as empresas electrointensivas, en especial Alcoa, cando levan cinco meses de promesas incumpridas desde o Goberno central socialista nos que ata chegaron a dar por solucionado este problema”.
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto favorable do Grupo Popular, unha nova proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a constituír unha mesa de negociación con Alcoa e o Comité de Empresa de San Cibrao para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade industrial, en tanto se mantén a actual situación de declive industrial e inestabilidade nos prezos da enerxía. “Esta demanda xa foi recollida polo propio Presidente da Xunta, logo dunha xuntanza que mantivo co Comité de Empresa, e será trasladada ao Goberno central de xeito inmediato”, concretou.
Así mesmo, demándase ao Goberno central medidas urxentes respecto do marco enerxético co fin de paliar a crise da industria electrointensiva galega. En concreto, pídese a aprobación inmediata do estatuto de electrointensivas, a planificación da substitución do sistema de poxa de interrumpibilidade por unha regulación estable que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego; e a consideración, no futuro sistema enerxético, do papel de produtor de Galicia, que deberá ser beneficiada polos custes ambientais e sociais de soportar a xeración.
Marta Nóvoa saudou que os socialistas galegos “se poñan do lado dos traballadores de Alcoa demandando medidas aos seus compañeiros no Goberno central para o mantemento do emprego nesta empresa e solicitando a aprobación dun novo estatuto para as electrointensivas”, pero subliñou que “os traballadores, e os galegos en xeral, estamos fartos de promesas baleiras e queremos feitos xa”.
SEN SOLUCIÓN. Neste sentido, lembrou que o propio Pedro Sánchez anunciou nun mitin en A Coruña o pasado mes de abril que o problema de Alcoa estaba solucionado, pois o estatuto da industria electrointensiva se aprobaría dous días antes das eleccións xerais. “Tiveron a desvergoña de volver atrás esta promesa e deixar de novo aos traballadores de Alcoa e das demais industrias electrointensivas sen solución, unha situación que manteñen ata o día de hoxe sen previsión de que teñan previsto resolver o problema”, lamentou.
“O Goberno de Pedro Sánchez ten que asumir a súa responsabilidade e ofrecer un marco enerxético estable, que ofreza un prezo competitivo á industria electrointensiva e que lle permita competir en igualdade de condicións co resto de Europa”, sinalou.
Neste sentido, lembrou que “Alcoa xa pasou por momentos de dificultade noutras ocasións con gobernos do PP, pero sempre se atopou unha solución”. “Agora tócalle aos socialistas, tanto galegos como no Goberno central, que asuman a súa responsabilidade e atopen unha solución para o prezo da electricidade”, engadiu.