Críticas ao Goberno das Pontes de "abandono das súas responsabilidades"
Os nacionalistas do Concello das Pontes acusan ao Goberno de "contaxiarse do abandono manifesto do resto das administracións, estatal e autonómica, que estamos a padecer nas Pontes, do que sobran evidencias: o peche da central sen alternativas, os traslados fóra das Pontes do persoal de Endesa, os despedimentos nas auxiliares, os enganos aos transportistas do carbón, a perda de especialidades no Centro de Saúde, a eliminación dun aula de Infantil no CEIP Santa María, etc".
Consideran un exemplo claro desta situación da OMIC, servizo municipal que viña prestando o Concello dende vai máis de 30 anos, "dos máis demandados e valorados, tamén polos concellos veciños, pola defensa firme e constante que desempeñaba dos dereitos e intereses individuais, nomeadamente diante das grandes compañías eléctricas, bancarias, financeiras, de telefonía".
Dende comezos do mes de xullo o servizo deixou de funcionar "por non ter atendido o goberno municipal a xubilación da persoa responsábel; a OMIC máis próxima está en Ferrol", din.
Tamén fan referencia ao servizo municipal de Deportes, "que vén gastando uns 2 millóns de euros ao ano -que inclúen a dedicación exclusiva do concelleiro delegado-, e que foi merecedor, xunto a outros 67 Concellos da Coruña, dunha subvención do ente provincial para o mantemento ou contratación de persoal técnico nos servizos municipais de Deporte en 2021; segundo as bases da convocatoria, a duración temporal máxima do contrato subvencionado será de 12 meses …, con data límite de remate no 30 de abril de 2022”, engaden.
Critan que logo de 3 meses da resolución a praza está sen convocar, o contrato non será de 12 meses, e o Concello non poderá xustificar os 15.000 euros da subvención; "todo un exemplo de boa xestión e de dedicación (exclusiva, claro)".