Crónica do Festival Grito de Mujer- Berro de Muller- Woman Scream

Por Ana Belén Gómez Roca
A Casa da Cultura de Seixón, Friol, Lugo, vibrou o sábado 29 de marzo con emoción contida en ocasións, coa lembranza da memoria das nosas ancestras que tiveron un oco especial no noso encontro, transmitíndonos que camiñan canda nós, e que os nosos soños son, dalgunha maneira, os seus.
Compartimos sabedoría feminina, experiencias de vida, risas, arte, poesías, reivindicacións de todas e cada unha das participantes.
Foi un encontro rico en experiencias e voces, íntimo, á lus do candil, e aos acordes da guitarra, ao solpor dunha tarde primaveral nun entorno excepcional coas árbores que algunhas das nosas ancestras viron crecer saudándonos dende as xanelas. Tivemos claro que para reivindicar os dereitos das nenas no mundo, e pronunciarnos en contra do matrimonio infantil, “leif-motiv” desta 15ª edición, o primeiro e ter presente de onde vimos, a onde nos queremos encamiñar e en que contextos habitamos no noso día a día. Berramos por moitas causas, cada unha polas súas, e todas xuntas polas de todas, mais todas elas causas que afectan ao futuro das novas xeracións de futuras mulleres. O encontro estivo coordinado por Ana Belén Gómez e as súas participantes foron: Camino Casabella, Carmela Rodríguez, Fernanda Arrojo, Nery Díaz, Jadijetu El Bechir, Suadu Mohamed Fadel, Concha Blanco, Inés López, Manuela González y Sonia Lamas. Acompañadas á guitarra por David Valdés.
O noso manifesto final do encontro recalcou os seguintes puntos:
-Defender os dereitos das nenas é defender os dereitos das nosas fillas, sobriñas, netas, as futuras novas xeracións de mulleres e homes, e tamén os dereitos da nosa nai terra fronte á espoliación que sofre a diario, a perda irreparable da súa riqueza e diversidade, non só en Galiza, senón no resto do mundo, debido ao abuso dos seus recursos naturais froito da ambición desmedida propia do capitalismo patriarcal.
-Coa variedade de voces participantes quixemos mostrar que todos somos fillos desta terra e que nela todos cabemos, en contra do apoxeo que parecen vivir as políticas colonialistas e racistas no mundo neste momento, baseadas na represión e discriminación sistemática por motivo de raza, etnia, orixe, xénero, orientación sexual, etc… e coa única intención da rapiñaxe e enriquecemento privado, saboteando os dereitos esenciais da poboación civil en todo o mundo.
-Con este encontro dende este recuncho da Galiza esiximos o alto o fogo inmediato en Gaza, que pare o xenocidio do pobo palestino e que se respecte o seu dereito á vida, o dereito á vida doutros seres humanos coma nós que están a sufrir un inferno nesta terra.
-Tamén a reivindicación da celebración dun referendo de autodeterminación no Sáhara que permita ao pobo Saharauí decidir sobre o seu futuro con todas as garantías internacionais, o dereito deste pobo a nacer na súa terra orixinaria, o Sáhara Occidental, a unha vida digna con todos os dereitos e oportunidades que lles corresponden como cidadáns deste territorio, e non como ocorre actualmente, que sofren represión e falta de liberdades.
-Visibilizar as reivindicacións ecofeministas feitas polas nosas veciñas de Vilalvite sobre os seus dereitos a respirar un aire e beber unha auga non contaminados, simplemente pola cobiza dos intereses privados en contra dos dereitos naturais de todo un pobo. Algo similar ao que están a solicitar os habitantes da comarca da Ulloa e os milleiros de persoas de toda Galiza que protestan con regularidade para evitar a instalación dunha macrocelulosa, Altri, que ameaza con destruír unha das zonas máis fermosas e preservadas do noso país. Se as ancestras dos nosos gobernantes puideran falarlles dende o máis alá, cabería preguntarlles se estarían orgullosas deles permitiren que os dereitos fundamentais das persoas non sexan respectados. Elas, que con tanto esforzo construíron un futuro baseado no respecto ao noso entorno, á auga que bebemos e o aire que respiramos, as nosas árbores, as nosas tradicións e a nosa lingua.
-Recoñecer as inxustizas alá onde teñan lugar confróntanos cunha responsabilidade: a de actuar. Temos o poder de mudar as cousas se xuntamos as nosas voces, as nosas mans e a nosa vontade colectiva para xerar un cambio nas conciencias.
Destacar, tamén, finalmente, que o noso interese ao celebralo neste entorno rural foi, ademais, o de dinamizar espazos culturais en desuso, que neste caso atópase nun entorno natural que merece ser desfrutado, polo que esperamos acolla moitas máis futuras edicións deste festival.