Cruz Vermella recibe fondos para tarefas de rescate no mar
A presidenta da Cruz Vermella en Galicia, María Carmen Colmeiro, asinou na Xunta un convenio de colaboración sobre salvamento no mar e loita contra a contaminación mariña ao que a Administración destina 30.000 euros para sufragar as actividades realizadas ao longo deste ano e que inclúen, entre outros, exercicios prácticos de rescate e de busca de desaparecidos no mar.
No acto de sinatura do convenio tamén estivo presente o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, pois a colaboración entre as partes materialízase a través deste organismo autonómico e supón renovar unha cooperación no eido marítimo que xa suma máis dunha década.
Esta medida enmárcase na aposta polo salvamento no mar e a loita contra a contaminación mariña co obxectivo de avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro. Por iso, os orzamentos do próximo ano inclúen unha partida de máis de seis millóns de euros para continuar co plan de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas, o que supón un aumento de máis do 50% en relación con este ano.
Este plan de renovación parcial prevía a construción de catro patrulleiras lixeiras aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación así como dunha patrulleira de altura para substituír á Paio Gómez Chariño.
Dúas desas unidades de menor porte xa foron entregadas, tanto a Punta Promontoiro como a Punta da Guía, mentres que as outras dúas patrulleiras lixeiras e a embarcación de altura están en pleno proceso de construción nun estaleiro da ría de Vigo.
A esta mellora dos medios marítimos súmase a dos medios terrestres e a ampliación do cadro de persoal do Servizo de Gardacostas, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e loita contra o furtivismo.