Cruz Vermella Vilalba organiza este mércores un obradoiro de decoración de Nadal

Cruz Vermella de Vilalba organiza o mércores 10 de decembro un taller de decoración de Nadal que terá lugar na aula do Centro de Saúde de Vilalba en horario de 11:00 a 12:30 horas. A iniciativa desenvolverase en colaboración co Sergas e enmárcase no Plan Local de Saúde de Vilalba, co obxectivo de fomentar a creatividade, o envellecemento activo e a participación social.
Durante a sesión, as persoas asistentes elaborarán postais e adornos de Nadal empregando diferentes materiais e técnicas de manualidades. A actividade está dirixida especialmente a persoas maiores, aínda que está aberta a calquera persoa interesada en participar. As prazas son limitadas e a inscrición é obrigatoria, podendo formalizarse a través do teléfono 982 51 13 03.
Dende Cruz Vermella destacan que estes talleres contribúen á estimulación cognitiva e ao benestar emocional, ademais de favorecer espazos de encontro e convivencia entre a veciñanza.