Cruz Vermella Vilalba organiza unha charla sobre seguridade viaria dirixida ás persoas maiores

Cruz Vermella Vilalba acollerá este mércores 11 de marzo unha charla centrada na prevención e mellora da seguridade viaria das persoas maiores, unha actividade que contará coa colaboración da Garda Civil de Tráfico e que se enmarca dentro do Plan Maior de Seguridade.
Durante a sesión abordarase a importancia da seguridade viaria tanto desde o punto de vista das persoas condutoras como das persoas peóns, co obxectivo de ofrecer recomendacións e pautas que contribúan a reducir riscos e mellorar a mobilidade segura deste colectivo.
A formación desenvolverase na aula do Centro de Saúde de Vilalba en colaboración co Sergas, dentro do Plan Local de Saúde de Vilalba e coa participación da Garda Civil de Tráfico.
A charla terá unha duración aproximada dunha hora e media e dará comezo ás 11.00 horas da mañá. As persoas interesadas en participar poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición contactando co número de teléfono 982 51 13 03.