Cuba buscará praza para Tokio no clasificatorio de Bulgaria
O loitador vilalbés José Cuba participou esta semana no primeiro clasificatorio olímpico deste 2021. Neste evento continental xogábanse dúas prazas por peso entre os países europeos e enfrontáronse os mellores loitadores europeos que non acadaron unha das seis prazas que se repartiron no pasado mundial do 2019.
Cuba chegou a Budapest despois de moitas dificultades para adestrar tralo confinamento, as limitacións para contar con compañeiros de adestramento e sobre todo a falla de competición internacional dende hai máis dun ano. É así que vimos un primeiro enfrontamento ante o xermano Cudinovic no que o vilalbés non tivo tempo a meterse no combate cedendo por superioridade sen oportunidade de reaccionar. A boa preparación do xermano que o meteu na final non só lle deu o billete para os Xogos de Tokio senón que tamén lle brindou a oportunidade a Cuba de repescar na loita polas medallas.
Na repesca o noso deportista enfrontouse ao albanés Karepi, e agora xa metido na competición disputou un combate moi igualado que acabou caendo pola mínima do lado do loitador do leste.
Cuba afronta agora 6 semanas de preparación antes da derradeira proba clasificatoria que terá lugar en Sofía (Bulgaria). Esta proba xa será mundial e enfrontaranse algúns dos mellores do planeta que quedan aínda sen praza para Tokio.