Cuba retírase no cuarto posto do Gran Premio de España por molestias musculares
O loitador vilalbés José Cuba participou no Gran Premio de España que tivo lugar esta fin de semana no Pavillón Exterior do CSD de Madrid e no que se mediron loitadores e loitadoras de todo o Mundo.
José Cuba representou a España en libre olímpica menos de 125 kg acadando un 4º posto tras retirarse por molestias musculares. O vilalbés comezou gañando ante o canadiense Roger Le por superioridade e perdendo posteriormente ante o coreano Jung Yeihyun por un punto nun axustado combate. O posterior ouro acadado polo coreano deulle a Jose Cuba a posibilidade de repescar na loita polo bronce pero decidiu non continuar na competición despois dun tirón muscular na zona lumbar no combate ante o coreano.
O deportista tomará un par de semanas de descanso para recuperarse e comezar a preparar a súa participación no Mundial de Belgrado a mediados de setembro, proba decisiva porque é o primeiro evento clasificatorio no que se xogarán as primeiras prazas para os Xogos Olímpicos de París 2024.