Cultura e Educación destina 85.000 euros a novas escavacións e labores de conservación no Castro de Viladonga
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou en 85.400 euros novas escavacións e outros traballos de conservación no Castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou a importancia de que se acometan de novo escavacións “para seguir avanzando no coñecemento do xacemento”. Explicou que se completarán algunhas áreas exhumando estruturas que permanecen ocultas, o que posiblemente dea lugar tamén á aparición de novos materiais e que, en todo caso, achegará información sobre o uso orixinal dos espazos e axudará a completar a información sobre o castro.
Xa deron comezo os primeiros traballos, que teñen un prazo máximo de execución de oito meses. O proxecto contempla tamén a realización de labores de conservación sobre áreas xa escavadas, para consolidar as estruturas. En concreto, o obxectivo é investigar, documentar, escavar, acondicionar e consolidar espazos e estruturas arqueolóxicas situadas nos sectores sur e oeste do castro.
A actuación inclúe a limpeza da vexetación -nalgunhas zonas manual- nunha área de aproximadamente 1,8 hectáreas. Tendo en conta o rápido crecemento natural da vexetación, executaranse dúas rozas na croa e antecastro, incluíndo as murallas, parapetos e fosos: unha con carácter previo á intervención e outra ao remate.
Realizarase un estudo previo, recabando documentación sobre as áreas de intervención que se propoñen, e escavaranse as novas estruturas para posteriormente proceder á súa limpeza e consolidación. O acondicionamento da zona permitirá garantir a máxima protección das estruturas e ademais proporcionar melloras na visibilidade, accesibilidade e comprensión do xacemento.
Balseiro defendeu “o retorno dos investimentos culturais, que nos axudan a conservar o acrecentar o noso patrimonio, e con elo a comprender o noso entorno e a nosa historia”, e puxo como exemplo o museo e o castro de Viladonga “que son ademais un dos principais reclamos turísticos da Terra Chá e da provincia”.