Cultura promove o ciclo de concertos 'Tradición. En Clave Delas' na Pastoriza
A área de Cultura e a formación musical Lucus Ensemble presentaron o ciclo de concertos Tradición. En Clave Delas, que inclúe varias actuacións ao aire libre pola provincia.
O 26 de setembro, Lucus Ensemble actuará na Praza do Concello da Pastoriza, ás 18.00 horas.
Con dez músicos e dúas voces, o grupo de cámara interpretará un repertorio propio, no que liga instrumentos tradicionais con outros do ámbito sinfónico para ofrecer un espectáculo “entretido, pensado para ser tocado en exteriores e dar vida ás rúas e ás prazas”, segundo explicou o seu coordinador, Santiago Noriega.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro amosou a súa satisfacción por “sacar adiante un proxecto que tiñamos entre mans desde o primeiro trimestre do ano e que tivo que ser adiado e modificado polo impacto da Covid 19”.
“Desde o inicio da crise sanitaria, apostamos en manter o pulso da actividade cultural na provincia, con fórmulas alternativas, adaptadas ás circunstancias, e esta programación é un paso máis nese camiño”, apuntou.
Maite Ferreiro remarcou que “os concertos se levarán a cabo cumprindo cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias para previr os contaxios da Covid 19”. “Queremos seguir facendo cultura coidando a saúde das persoas, que é sempre o máis importante”, concluíu.