Cun laude para o director chairego Cibrán Tenreiro
O director do documental Entrar aos Vilares (finalista da 12MICE), Cibrán Tenreiro, acadou un sobresaínte cum laude coa súa tese de doutoramento titulada Un cinema do fan. Os fans e as gravacións amateurs nos modos de representación da música en directo. A tese estivo dirixida pola académica chairega da RAG Margarida Ledo Andión, da Escola de Doutorado Internacional (EDI) en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas.
O xurado estivo conformado por dous profesores das universidades de Lisboa e Coimbra e unha professora da USC. A tese foi defendida en inglés e galego. Cibrán foi tamén un dos gañadores da primeira edición dos Premios María Luz Casares (2017) da Academia Galega do Audiovisual polo seu ensaio Equilibrios precarios sobre o audiovisual amador no escenario galego de música en directo.
A tese é unha aportación novidosa nun campo pouco estudado do mundo audiovisual como son as gravacións amadoras da música en directo facilitadas polos novos dispositivos e tecnoloxías e a súa influencia actual a través das redes sociais e soportes audiovisuais como YouTube e outros.
Cibrán é tamén Master de audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
Componente do grupo indie galego Esposa e do grupo rock Monstruo, é o bateria suplente do grupo Ataque Escampe e Chicharrón.