'+Cuñados' proxéctase este sábado en Muras no ciclo Cine na Rúa

O cine de verán regresa a Muras cunha proxección pensada para toda a veciñanza e visitantes. O sábado 23 de agosto, ás 22:00 horas, a Área Recreativa da Veiga converterase nunha sala ao aire libre coa estrea de + Cuñados. Un entroido criminal, da man de Cine na rúa.
A película presenta á familia Ribeiro, que se prepara para gozar das súas festas favoritas en Ourense, mentres os cuñados deciden montar un posto de polbo para branquear uns cartos que, literalmente, lles caeron do ceo. Unha comedia chea de enredos e humor na que as risas están aseguradas.
O Concello de Muras anima a todos a participar desta nova sesión de cine de verán e a desfrutar dunha noite especial de cinema e convivencia na Veiga.