Dá comezo en Vilalba o programa de Nadal con teatro familiar

TerraChaXa
O Concello de Vilalba vén de presentar o programa para este Nadal 2019-2020 cunha morea de actividades pensadas para todos os públicos, incluíndo novidades como obradoiros na biblioteca, festa acuática na piscina municipal, o torneo de cartas Magic, ou a proxección de películas.
batan3
4 Dec 2019

O Concello de Vilalba vén de presentar o programa para este Nadal 2019-2020 cunha morea de actividades pensadas para todos os públicos, incluíndo novidades como obradoiros na biblioteca, festa acuática na piscina municipal, o torneo de cartas Magic, ou a proxección de películas. O primeiro dos espectáculos terá lugar este mesmo sábado, O lobo e a lúa, para público familiar.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, xunto coa concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e a concelleira de Infancia e Mocidade, Antía Rama, presentaron o programa con preto de 30 citas ao longo do mes de decembro e na primeira semana de xaneiro, subliñando que “intentamos introducir cousas distintas pensando nos gustos e intereses da veciñanza, desde os máis pequenos aos máis maiores, sen esquecernos da xuventude”.

Ademais, explicaron que “hoxe presentamos todas as actividades, pero iremos lembrando cada semana e ampliando máis información, dando conta tamén dos prazos de inscrición e outros asuntos de interese”. Finalizaron lembrando que “este Nadal será especial e deixaremos o selo do novo goberno que formamos neste ano”.

O programa dará comezo o sábado 7 de decembro co espectáculo famliar O lobo e a lúa, que terá lugar no auditorio ás 18.00 horas. As actividades seguirán o 11 de decembro, ás 20.00 horas, na biblitoeca provincial onde o contrabandista de historias Lois Pérez contará algunhas delas dentro do espectáculo Sacar a lingua a P(r)acer. Dous días máis tarde será a vez do Ratiño Pérez, que contará as súas historias na biblioteca ás 18.30 horas.

Ese mesmo día, e para público adulto, o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega entre o 2006 e o 2018 Ramón Villares, presentará en Vilalba o seu traballo recentemente publicado: Galicia. Unha nación entre dos mundos (Pasado & Presente), un libro co que pretende explicar o que é Galicia, axudar a entendela e a que sexa comprendida, libre de estereotipos e clichés.

O sábado 14 de decembro haberá circo no auditorio. Será a cargo de Vaivén Circo Esencial, que presentará un espectáculo premiado en varias ocasións que fala de transicións. O domingo volverá celebrarase a Andaina Solidaria Cruz Vermella, que terá a súa saída ás 13.00 horas da praza da Constitución para facer un percorrido de tres quiolómetros polas rúas do casco urbán con meta no mesmo lugar de saída.

Por outra banda, abrirá a Exposición Leandro Leixas na Casa da Cultural, organizada ata xaneiro polo Iescha. Finalizará a xornada co concerto da Coral Voces da Chaira, que dará o seu primeiro concerto interpretando un repertorio composto por músicas tradicionais, actuais ou grandes zarzuelas e óperas. Actualmente está composta por 70 voces mixtas divididas en catro cordas procedentes de tres corais da comarca da Terra Chá, Coral Luar de Vilalba, Coral Polifónica Vilalbesa e Coral Municipal Virxe do Monte de Cospeito, dirixida por José Miguel Díaz Coira.

O luns 16 haberá un obradoiro de Nadal ecolóxico para aprender a sacarlle partido á reciclaxe. Será ás 18.00 horas na biblioteca. No mesmo lugar e á mesma hora o mércores 18 haberá un contacontos de Raquel Queizás, espectáculo de narración oral con obxectos, debuxos e monicreques para nenas e nenos a partir de 3 anos e público familiar.

O sábado 21 retomarán as actividades na Casa da Cultura, ás 20.00 horas, co recital poético solidario internacional na súa sexta edición, organizado por Culturalia GZ e A.V Nete, coa colaboración do Concello de Vilalba e Somos Unidos por el Cáncer. Sobre as 23.00 horas será tempo de música e de tributo á noite vilalbesa coa actuación de Dj Zalo, Dj Kiko, Antonio Currás, Dj Sito, Pedro Anido, Dj Friso e Marcos Peón no campo da feira.

O domingo víspera de nadal será o momento da gran Feira do Capón, a partir das 10.30 horas con entrega de premios, showcocking, degustación do capón de Vilalba con razas autóctonas galegas, música de grupos locais, sorteo de agasallos de produtos agroalimentarios da comarca, photocall, postos con produtos típicos da zona, foodtruck, e outras sorpresas.

Pola tarde, concretamente ás 18.00 horas, no auditorio haberá concerto de Gramola Gominola, unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo.

Non faltará no programa a visita de Papá Noel e do Apalpador. O primeiro estará de 16.30 a 19.00 horas e o segundo de 18.30 horas a 20.00 horas, os dous na praza da Constitución.

Finalizará o 25 counha actuación da Banda de Música de Vilalba co seu tradicional concerto de Nadal, ás 20.00 h oras no auditorio.

A partir do 26 haberá diferentes actividades para os máis pequenos na praza da Constitución. Así comezarán co proxecto Vigalame de 16.00 a 20.00 horas. Lecer e aprendizaxe a través do xogo, un espazo habilitado para peques de entre 1 e 14 anos no que poderán desfrutar de colchonetas, zona multimedia e carpa de fútbol puntería co xogo da ra, ou mesmo táboa de surf mecánica, entre outros.

Ao día seguinte será a vez do Humor Amarillo con obstáculos, pista americana, gladiadores, loitadores de sumo (+ 10 anos) e zona infantil para peques con inchables, karts a pedais, rokódromo, rampa e xincanas. Ese mesmo día, ás 19.00 horas celebrarase a I Gala Benéfica Vilalba Máxica.

O día grande para os pequenos será afesta acuática infantil preparada na psicina municipal para o sábado 28 de decembro, durante toda a tarde, para rapaces de 7 a 12 anos. Ese mismo día, ás 20.30 horas, presentarase o espectáculo De Vacas, na casa da cultura, unha mistura de voces e guitarra, harmonías e versións. Cantan en todos os idiomas e inventan outros. Retranca, xuventude, frescura e moita música.

O domingo 29 representarse no auditorio pola tarde a comida musical premiada como o mellor espectáculo infantil A nena e o grilo máis aló.

Trala celebración da tradicional carreira e andaina do San Silvestre o último día do ano, a programación volverá iniciarse o 2 de xaneiro na praza da Constitución co espectáculo Ludovilalba, actividade impartida polas tres ludotecas con 3 obradoiros divididos por tramos de idades (3 a 12 anos) e dous espazos de lecer para diversión das e dos máis pequenos (0 a 3 anos e 4 a 12 anos).

Ao día seguinte será tempo de cinema coa proxección no auditorio das películas Hotel Transilvania 3 e Campeones, ás 17.30 e 20.30 horas, respectivamente.

O 4 de xaneiro sábado será o día do Torneo Magic, ás 10.30 horas no pavillón municipal. Sellado de Magic, cada xogador  recibirá seis sobres do Trono de Eldraine, o que lles levará a un mundo de contos co que cada un terá que montar a súa propia baralla de 40 cartas. Con elas, xogarase todo o día con outras persoas e poderá gañar máis sobres desta edición.

Tamén no pavillón terá lugar ás 20.390 horas O Sister, grupo de swing que recrea a idade de ouro do jazz vocal, a música popular dos anos 20 e 30 en Norteamérica, unha homenaxe aos grupos femininos daquela época, con máis de 300 concertos por todo o mundo desde a súa estrea.

A programación terá o seu momento álxido coa clausura o día 5 de xaneiro e a celebración da popular cabalgata de reis que sairá ás 18.00 horas da estación de autobuses e chegará ás 19.00 á praza da Constitución, onde recibirán aos máis pequenos ata as 21 horas. Entre as 18 e as 21 horas haberá  obradoiros na carpa para entretemento praza Contitución.

batan5
batan1
0.22387099266052