Daniel Vega traslada ao tecido económico local información e asesoramento

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, contactou cos representantes da asociación de comerciantes (ACISA) para interesarse por coñecer as necesidades que presenta neste momento o sector terciario ribadense.
7 Xul 2020

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, contactou cos representantes da asociación de comerciantes (ACISA) para interesarse por coñecer as necesidades que presenta neste momento o sector terciario ribadense. E tras escoitar as demandas de información e asesoramento por parte do colectivo, o popular comprometeuse a traballar nese sentido en colaboración con todo o tecido económico local ofrecendo información e asesoramento – a través de charlas informativas- sobre as normas relacionadas coa covid-19 e as axudas postas en marcha polo Goberno galego de apoio aos autónomos e pequenas e medianas empresas co obxectivo de contribuír á reactivación económica.

Daniel Vega asegura que “seguimos traballando nestes momentos tan complexos. Se somos responsables no individual, poderemos estar tranquilos como colectivo”. Polo tanto, “pido tranquilidade e, sobre todo, responsabilidade. Sexamos responsables e cumpramos a normativa covid-19” porque “o máis importante é a saúde das persoas”, conclúe.

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL E RESPONSABILIDADE SOCIAL

Daniel Vega considera “importantísimo” que “as administracións traballen na mesma dirección de cara á loita contra a crise sanitaria e socio-económica derivada da covid-19. Creo tamén que as administracións e os representantes políticos debemos estar unidos polo ben da sociedade”, defende.

O voceiro do Grupo Municipal Popular en Ribadeo sinala, como exercicio de responsabilidade social, que “se debe suprimir temporalmente o cobro de taxas e impostos municipais coma a do lixo, a da auga ou o IBI ata que a recuperación económica sexa unha realidade”. Censura, polo tanto, “a presa do goberno local por volver a cobrar impostos trala situación de emerxencia en lugar de inxectar liquidez ao tecido económico ribadense. O goberno local debe estar do lado dos veciños e das empresas; pero demostra todo o contrario volvendo a activar o cobro de taxas e impostos que afectan ás actividades económicas e entre as que se atopa a de ocupación da vía pública que afecta ás terrazas”.

O popular sinala que o Grupo Municipal Popular xa plantexara a través do Plan Reactiva Ribadeo, entre outras, esta medida de carácter fiscal que no pleno contou co apoio do PSOE e o voto en contra do BNG.  Trala decisión do goberno local de deixar sen efecto as exencións nos tributos decididas durante a situación de emerxencia sanitaria que xa criticara, Vega volve agora pedir a rectificación desta medida tomada de forma unilateral polo equipo de goberno de Fernando Suárez ao considerar que “dificulta a volta á actividade socio-económica dos autónomos e negocios ribadenses que tiveron que permanecer pechados”.

0.17104506492615