Darío Campos denuncia a "falta de cobertura sanitaria" na Pontenova

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
21 Ago 2020

O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde denunciou hoxe que “as veciñas e veciños non teñen cobertura sanitaria”. Así o dixo tras constatar, no propio centro de saúde, que esta mesma semana o centro foi atendido por un só facultativo, durante 3 días.

“Cando chegamos ao centro o médico que estaba traballando saíu a un domicilio a realizar unha consulta, polo tanto, no consultorio non había ningún profesional para atender unha posible emerxencia”, criticou.

Ademais avanzou “que os propios traballadores do centro médico da Pontenova están recollendo sinaturas entre a veciñanza para denunciar esta situación de abandono que sofren por parte do Goberno de Feijóo. E queremos amosarlles todo o noso apoio nestas lexitimas reclamacións. Demandamos unha sanidade pública, gratuíta e universal para todas e todos”, replicou.

Campos lembrou que xa denunciou en reiteradas ocasións a situación pola que atravesa o centro de saúde da Pontenova. “Tal e como denuncian os propios traballadores non se cobren as baixas, nin as vacacións, e esta mesma semana que comeza vai a volver a quedar un só medico xa que non se vai cubrir a súa ausencia”.

O rexedor cualificou esta situación “como moi grave”. Ademais insistiu nas súas criticas “estamos atravesando unha pandemia como a do COVID, a sanidade debería ser unha prioridade para o Goberno Autonómico, pero para o PP e Núñez Feijóo as súas prioridades non pasan por atender aos concellos do rural lucense”, resumiu.

0.13385987281799