David Pena deixa a dirección do primeiro equipo do Concello de Begonte FS

TerraChaXa
David Pena Roibás rematou o seu paso pola dirección do banco do equipo sénior do Concello de Begonte FS de forma definitiva.
concello de begonte pretempada
25 Maio 2022

David Pena Roibás rematou o seu paso pola dirección do banco do equipo sénior do Concello de Begonte FS, situación que o club comunicou de forma definitiva onte. O adestrador e tamén coordinador do club xa comunicara a súa decisión de abandonar o equipo sénior masculino antes de comezar esta temporada.

David volveu logo de que o equipo descendera a Liga Preferente, conseguindo nesa mesma tempada quedar campión de liga e devolver ó Concello de Begonte FS á Terceira División, na que rematou nun meritorio oitavo posto este ano.

No ano seguinte, obtivo por primeira vez na historia do club a clasificación para o Play Off de ascenso á 2ª División B e neste último ano, tamén se pelexou ese Play Off ata as últimas xornadas.

David deixa o sénior, pero non abandona o Concello de Begonte Fútbol Sala xa que seguirá formando parte da base a vindeira tempada e manterá o seu posto de coordinador do club.

"É unha decisión que xa tiña tomada antes de comezar esta temporada, de feito seguín este ano porque o club non atopou outro adestrador que lles encaixase no perfil que buscaban. Considero que é necesario para ambos pero sobre todo para min, necesito ter o meu espazo e baixar un pouco o rítmo xa que a vida non xira soamente entorno a un balón, por moito que nos guste hai que valorar moitas outras cousas e creo que é necesario un período de descanso", explica David Pena.

Polo de pronto o club non comunicou quen sucederá a David Pena no bando do sénior pero o adestrador xa anunciou que "eu non vou abandoar o club, polo que tamén estarei para botar unha man en todo o que se necesite! O Concello de Begonte FS vai seguir medrando, diso estou seguro".

Pena Roibás centrarse polo tanto no adestramento da base. Xa este ano estivo dirixindo o destino do equipo alevín, que participou na liga autonómica. "O que realmente me gusta é a base, o día a día nos adestramentos dos nenos e nenas: ensinarlles, transmitirlles, xogar, aprender… iso si que me fai desfrutar!", conclúe.

0.089487791061401