Debate sobre a condena ao Concello de Ribadeo polos danos na praza da Música

TerraChaXa | AMariñaXa
Debate sobre a condena ao Concello de Ribadeo polos danos na praza da Música. O PP acusa de algo grave perder xuízos
17 Jan 2021

O Concello de Ribadeo terá que facerse cargo dos danos sufridos en varios garaxes dos edificios da praza da Música tal e como fallou a sala número 2 do xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo.

Segundo informa a sentenza a entrada na devandita praza dalgúns camións e material pesado para a instalación de palcos fixo que, co paso dos anos, acabasen por crearse problemas que dexeneraron en filtracións na zona dos garaxes destes edificios.

Foron as comunidades de veciños dos edificios Buenos Aires e Mirasol as que presentaron a denuncia non seu momento alegando que eran as actividades que se realizaban na praza as causantes dos danos, aínda que estes foran de forma involuntaria. Antes de presentar a denuncia, os veciños aseguran que reclamaron ao Concello, que non lles contestou.

Recoñece tamén a sentenza que o pavimento se atopa altamente deteriorado "debido a un uso inadecuado da praza, posiblemente sendo sobrecargado en exceso" o que provocou os danos que  levaron a que se produciran filtramentos de auga.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, sinala que “o goberno local do BNG perde xuízos, pero pagarémolo tódolos veciños de Ribadeo”. O popular asegura que se trata de algo “grave” e  considera  “sorprendentes” as declaracións do goberno local pola súa “pouca humildade” cando “volve perder outro xuízo”.

Vega explica que “o xuízo pérdese pola falta de mantemento da coñecida como Praza da Música por parte deste goberno do BNG e non doutros. Esta praza emprégase de forma pública para desenvolver distintas actividades cando goberna o BNG e o bipartito”, continúa. “Cando gobernaba outro partido non se celebraba ningunha actividade nesta praza”, aclara.

O popular sinala que “nestes momentos hai falta de conservación deste espazo por parte do goberno local” e, desa situación, derivan “os problemas, os danos causados nos garaxes e na propia praza” ante o que “os veciños presentan unha denuncia cando gobernaba o BNG no Concello”.

Vega cre que “é realmente grave que se queira responsabilizar a outros gobernos”. É máis, lamenta que “o alcalde nunca acepte a culpa e sempre diga que a culpa é doutras administracións ou doutros gobernos”.

O voceiro do Grupo Municipal Popular engade que “se levan perdido moitos xuízos por parte do Concello, pero son os ribadenses os que temos que pagar todo iso”. Ante esta situación, os concelleiros populares pedirán ao goberno local explicacións no vindeiro pleno sobre o número de xuízos que se perderon e canto levamos pagado en xuízos cos cartos de tódolos ribadenses porque “os que pagamos somos os contribuíntes e non o goberno do BNG”.

0.16729593276978