Debutan Xante e Pixote como alas no Burela FS
As caras novas do Pescados Rubén Burela FS, os alas brasileiros Xande e Pixote, debutan este sábado en Vista Alegre ante o titánico Movistar Inter FS (18.30 horas). Acompañados polo presidente mariñán, Manuel Branco, as últimas incorporacións do vestiario de Juanma Marrube falaron das súas primeiras impresións no fútbol sala español e da adaptación á Familia Laranxa.
Alexandre dos Santos Xande (Río de Janeiro, 1988), internacional coa Selección do Uruguai, estréase nas pistas españolas, procedente do Jaragua Futsal, aínda que esta non será a súa primeira aventura en Europa: “Tiven unha experiencia marabillosa en Portugal con Benfica e quería volver ao fútbol sala europeo. Necesitaba un novo desafío e Burela presentouse como unha grande oportunidade; falábanme moi ben do equipo, dos xogadores e do trato do club así que foi unha decisión moi doada” explicaba a ala zurdo, prometendo competitividade e experiencia: “O equipo recibiume moi ben; o equipo ten un bo bloque pero non tivo moita sorte. Hai que mirar cara adiante para seguir medrando e para iso chegamos nós, para axudar en todo poidamos. Temos o primeiro reto este sábado, cun dos mellores equipos do mundo” explicaba o novo 15 burelista, que terá un novo compromiso internacional a partir do domingo: “Xogar na selección é un motivo de moito orgullo. Uruguai acolleume moi ben, temos grandes soños e o principal pasa agora mesmo por xogar a Copa do Mundo. Agora temos un bonito reto; espero conseguilo e volver con máis confianza para dar o mellor do meu xogo aquí, co Pescados Rubén”.
Alexandre Rodrigues Canha Pixote (Recife, 1987) recala en Burela tras o seu paso recente por Magnus e Copagrill Futsal e coa honra de defender a camisola do Brasil. “Teño as mellores expectativas nesta nova etapa. Chego para achegar experiencia ao equipo, coa miña traxectoria en Brasil e Rusia, e axudar en todo o que poida”, mostrábase así, contento e ilusionado, o 13 laranxa: “Puiden participar na rotación o domingo; as sensacións sobre a pista foron boas; espero adaptarme axiña e axudar canto antes ao equipo” reflexionaba así o ala sobre os seus primeiros minutos co Pescados Rubén, na pista de Levante, onde tamén debutou Xande.
“O fútbol sala é moi diferente ao brasileiro tanto no xogo como nas calidades dos deportistas. Vimos dispostos a dar todo de nós para poder axustarnos á dinámica do equipo rapidamente”, coincidían Pixote e Xande.