Declarada iniciativa prioritaria de Galicia a planta de metanol verde de Begonte
O Consello da Xunta declarou como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto co que pretenden impulsar unha planta de produción de metanol verde en Begonte. Unha proposta que, de poder materializarse, suporía un investimento de máis de 500 millóns de euros e permitiría producir, anualmente, 100.000 toneladas deste recurso enerxético para ser empregado tanto na fabricación de colas, resinas e adhesivos destinados a unha gran variedade de industrias -entre outras, as de produción de taboleiros derivados da madeira-, como para a súa comercialización no mercado da enerxía.
Para acadar este obxectivo, o proxecto, denominado Green Meiga, ofrece unha solución pioneira ao integrar na mesma localización a produción e uso industrial de hidróxeno verde que, xunto ao dióxido de carbono capturado da caldeira de biomasa, se utilizará como materia prima para o proceso de síntese do metanol. Deste xeito, garántese que a produción deste metanol sexa totalmente renovable. Cómpre destacar tamén que a iniciativa presta especial atención á economía circular, dispondo dunha planta de tratamento que permitirá aproveitar os fluxos de augas residuais, reducindo a cantidade de auga final empregada no proceso industrial.
Galicia reforza así a súa aposta pola sustentabilidade industrial no marco da transición enerxética cun proxecto que influirá no tecido económico e social a nivel local, tanto en Begonte como na súa contorna. Tamén está aliñado cos principios da economía verde e circular. De feito, vela polo menor impacto ambiental e empregará a enerxía eólica como fonte de subministración eléctrica.
Por outra banda, o seu desenvolvemento suporá un motor de creación de emprego de calidade ao preverse a xeración -tras a súa posta en funcionamento- de medio cento de postos de traballo indefinidos.
Esta declaración -aprobada no Consello da Xunta a petición do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia económica- enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.
Con este novo acordo xa son 16 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas en toda Galicia: Cafés Candelas (Lugo), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Oviganic (Monforte de Lemos), Bionergía (Lugo, Sarreaus e A Laracha), Ignacio González Montes (Ribeira), Hornos de Lamastelle (Carballo), Valogreene Recinor (As Somozas), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Sogama (Vilanova de Arousa), Green Umia (Caldas de Reis e tamén promovida por Foresa e Iberdrola) e, agora, Green Meiga (Begonte). Neste marco, os investimentos totais programados polas empresas roldan os 1.150M€ e o compromiso de xerar ao redor de 750 postos de traballo.