Declaran en Xermade un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica

TerraChaXa
A Xunta declara un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no concello lugués de Xermade.
enfermidade hemorraxica epizootica
12 Out 2023

A Xunta declara un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no concello lugués de Xermade. Como no resto de focos detectados en Galicia (sete en total, incluíndo este), só un animal do total do censo presentaba sintomatoloxía compatible con esta doenza. Así, os servizos veterinarios oficiais procederon de inmediato á toma de mostras dos animais sospeitosos, confirmándose o caso positivo polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid.

Neste senso, cómpre sinalar que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp.

Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Afectación ao gando

Así mesmo, cabe salientar que a EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que o cabrún non é sensible a esta enfermidade.

En canto aos estudos preliminares realizados en España, nas comunidades autónomas afectadas este ano por EHE presentan un dato de morbilidade media (número de animais que presentan síntomas respecto ao total do rabaño) do 7,53% e unha mortalidade media nos animais afectados inferior ao 1% (0,51%).

No gando vacún pode presentarse clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema do ubre, síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e cabrún, non hai constancia de enfermidade clínica nos animais.

Ademais, cómpre sinalar que non existe vacina nin tratamento curativo específico fronte ao virus da EHE. Por iso, as medidas preventivas posibles a tomar respecto a esta enfermidade van encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:

  • Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente zonas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
  • Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.
  • No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
0.15378308296204