"Dediquei toda a miña vida á obra dos demais, hai autores dos que teño lido todo"

TerraChaXa
Nun emotivo acto, a biblioteca da Pastoriza abriu este martes, día 27, cun novo nome e coa incorporación ao seu catálogo dunha doazón de máis de 10.
31 Dec 2022

Nun emotivo acto, a biblioteca da Pastoriza abriu este martes, día 27, cun novo nome e coa incorporación ao seu catálogo dunha doazón de máis de 10.000 exemplares de libros da colección persoal do crítico literario Ángel Basanta. Estes libros pasan a formar parte da biblioteca municipal, que rende tamén o seu agradecemento ao catedrático poñéndolle o seu nome ao centro. Entrevistamos a Ángel Basanta.

Como xurde a idea desta doazón?

Isto é algo que estaba na miña cabeza dende hai moitos anos. Polo menos 30 anos. Cando fun pequeño aquí, en Crecente, onde nacín, fun un neno sen libros, como moitos daquela época, dos anos 50, e logo vivín toda a vida rodeado de libros como profesor de literatura, catedrático e crítico literario.

Fai 30 anos concebín a idea de que cando chegara o tempo, agora teño 72 anos, doar a miña biblioteca ao Concello onde nacín, na Pastoriza. Como eu fun un neno sen libros a idea que tiña é que nunca máis houbera nenos, mozos, rapaces ou xente maior que quixera ler e non tivera libros.

Eu ben sei que moita xente non lle gusta ler e cada un fai o que lle parece, pero tamén sei que se nos anos vindeiros hai un grupo que se interesa por lelos, aínda que sexa pequeño, doume por satisfeito. Aí teñen libros suficientes, en torno a 10.000 exemplares.

Como puido acumular tal cantidade de libros?

A maior parte deles comprándoos, en tres cidades fundamentais, a primeira é Lugo, pero non tiña cartos, pero logo en Santiago, onde fixen a carreira de Filoloxía Románica e estiven tres anos despois de profesor na facultade de Filoloxía, e foi aí cando comecei a comprar libros. A continuación marchei a Madrid, onde con 26 anos fun catedrático de literatura e empecei a comprar máis libros polo que podemos dicir que pasei a vida enteira lendo.

E tamén en Salamanca, onde fun profesor de novela actual, nun curso para posgraduados norteamericanos das universidades de Rhode Island de Massachusetts. Dende o 1988, que comecei como crítico literario, empezan a chegar a casa moitos libros que mandan as editoriais porque queren que fales deles. Moitos tamén foron enviados por escritores que logo acabaron sendo amigos. Ademais das editoriais mandaban escritores polo interese de que os coñecera. Como di José María Merino, un dos novelistas máis importantes, “yo quiero que mis libros estén en la mesa de por lo menos 15 o 20 personas que yo considero importantes en la crítica literaria”. Esa foi a vía como fun xuntando libros pero mercando moito e os mandados por eses que logo foron amigos meus como José María Merino, Luis Mateo Díez, Torrente Ballester, Rafael Chirbes ou Almudena Grandes. E moitos deles están dedicados

Como nace o seu amor pola literatura? Lembra cal foi o primeiro libro que leu e que lle cautivou?

Cando empecei a estudar o Bacharelato, en Mondoñedo, e despois en Lugo, empecei case pola literatura adulta, porque no tempo da de nenos eu non tiven libros. Entón empecei directamente por literatura española como Baroja ou Antonio Machado. Logo fun facéndome con libros de literatura infantil e xuvenil e funos lendo, tipo A illa do tesouro, obras de Marck Twain, fun entrando un pouquiño de maneira desordeada ata que fixen a especialidade, e aí empecei a construír a miña vida como lector dun modo máis ordeado e adecuado.

Cal é a súa parte da literatura ou autor preferido?

Eu dediqueime como crítico literario á novela e ao relato actual. Fixen moita crítica de literatura española, galega, de libros traducidos ao castelán, porque escribía na prensa nacional. O meu campo profesional foi a literatura do século XIX, XX e o que vai do XXI. Eu dediqueime moitos anos a Cervantes e ao Quijote, do que fixen varias edicións das que estou moi orgulloso. E despois Flaubert, Dostoievski, Torrente Ballester, Faulkner e xa chegando aos nosos días, Luis Mateo Díez, Merino, Chirbes ou Luis Landero. De todos eles practicamente está a obra completa de cada un e a obra completa de moitos outros autores que seguín e logo tratei moito.

Como é a súa vinculación coa Pastoriza? Segue visitando o seu lugar de nacemento?

Si, teño unha relación intensa coa Pastoriza. Desde 1976 vivo en Madrid pero nunca deixei de vir a Crecente. Normalmente veño todos os anos varias veces, pero fixo veño sempre polo Nadal, por Semana Santa e no verán. Nunca perdín as miñas raíces. Aquí era onde eu viña de Madrid, estresado, cargado de traballo e é aquí onde cargaba as pilas e onde o sigo facendo.

Cando me atopaba cansado viña para aquí, falaba cos meus amigos de sempre, como o que hoxe é o alcalde, Primitivo Iglesias, que eramos amigos dende pequenos. Por iso, a idea da doazón, que é anterior a ser el alcalde e el xa a coñecía. Non podo ocultar que me fai moita ilusión que se produza cando agora é el alcalde.

En que fase da súa carreira está?

Estou nunha fase de ir desprendéndome de cousas, desde que tiña 18 ou 20 anos teño dedicado moitas horas ao traballo, primeiro como estudante e logo como profesor. Sempre levei a sensación de que nacera nunha aldea sen libros, de que cheguei a Lugo e era un aldeano e tiña que subir escaleiras. En Santiago igual, que viñamos dunha provincia pequena e logo en Madrid porque cando un vén de fóra hai que seguir subindo escaleiras e eso se fai a costa de moito traballo. Houbo épocas na miña vida que teño traballado 12 ou 14 horas cada día en distintas épocas. Cos anos, vas diminuíndo, nunca tiven a sensación de xubilado, porque sempre seguín dedicándome á crítica literaria e xa como xubilado fun 11 anos presidente da Asociación Española de Críticos Literarios. Hoxe son presidente de honra polos anos dedicados e en agradecemento, e aínda son vicepresidente da Asociación Internacional de Críticos literarios pero sereino por pouco tempo porque hai que ir deixando paso á xente nova. Estou en fase de retirada como crítico literario, sigo facendo cousas pero moitas menos pero nunca me retirarei de ler libros, imposible vivir sen libros. Levo 50 anos lendo e non se pode deixar. Primeiro como profesor tes que ler e logo polos cargos que vas ocupando. Estou en retirada aínda que con boa relación con estes amigos.

Como amante da literatura, pensou algunha vez en dar o salto á escritura?

Non me chamou nunca escribir, o que me gustaba era ler. Dicía Borjes, con quen non hai que compararse que é superior a case todos, que el estaba máis orgulloso dos libros que tiña lido que dos que tiña escrito. É un dos escritores máis importantes do século XX polo que tiña de que sentirse orgulloso. Eu fun sempre un gran lector e toda a vida a pasei escribrindo pero escribindo como crítico literario. Podo dicir que dediquei toda a miña vida á obra dos demais, hai autores dos que teño lido todo. O pulo aquel de escribir unha novela ou poesía non me chamou, porque tiña na conciencia de que o meu era ler e escribir dos demais. Teño algún libriño feito de divulgación escolar sobre Baroja, Novela española actual, sobre Cervantes e fixen bastantes edicións de autores clásicos. Estou moi orgulloso deses traballos. Os mellores que fixen na miña vida son algunhas edicións do Quijote, que sei que moitos profesionais entraron no Quijote como libro fundamental por esa edición. Esa foi a miña vida, non sentín nunca aquelo porque non tiña tampouco tempo para pensalo.

"O mundo cambiou moito e cambiará máis e a literatura vai cambiando como cambia o mundo, as veces incluso antes"

Como ve o futuro da literatura?

O futuro non o teño claro. O mundo cambiou moito e cambiará máis e a literatura vai cambiando como cambia o mundo, as veces incluso antes. Os grandes autores non foron entendidos no seu tempo. Stendhal dixo que escribía para que o entenderan 50 anos despois, e así moitos autores, como por exemplo Cervantes, que en cada época foi entendido de maneira distinta. A literatura, como dicía Cela, é “una mantenida pelea con la literatura misma”. Vivimos un futuro en que isto cambia demasiado deprisa. A literatura cambiará. Terá máis ou menos presenza na sociedade, pero deberá cambiar, como fixo sempre pero a tecnoloxía vai demasiado rápido e é impredecible. Agora ben, hai que ter en conta, que os cambios poden ser para ben ou para mal, pero creo que a gran literatura vai seguir existindo porque existirá nunha minoría pero hai que ter en conta que en toda a historia, a literatura de calidade sempre foi de minorías. Outra cousa é a literatura popular, pero a gran literatura seguirá sendo dunha minoría, máis o menos grande ou extensa pero de minorías. E iso vai seguir existindo. Cambiará de formato, lerase noutros formatos pero de feito da confrontación entre o libro de papel e o dixital así está e o ebook non ten gañada a pelexa. Os cambios produciranse pero a diferenza é que nestes tempos todo corre moito máis depresa.

0.17926001548767