Dende o luns permitiranse de novo as queimas nos terreos rústicos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se levanta, a partires do vindeiro luns, día 11 de maio, a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos decretada desde o pasado 16 de marzo.
Así, a partir deste próximo luns xa se poderán realizar de novo as comunicacións de queimas en terreos agrícolas e solicitar as autorizacións para terreos forestais, uns trámites que permanecían ata o de agora en suspenso a causa da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus.
A Xunta tomou esta decisión tendo en conta a propia extensión da duración temporal do estado da alarma, os datos de evolución positiva da emerxencia sanitaria e as últimas medidas adoptadas polo Goberno central. Tamén se contemplou a incorporación de persoal de reforzo para actuacións de prevención e extinción de incendios por un período de 6 meses, a partir do vindeiro 11 de maio, xunto coa próxima incorporación ao servizo activo dos axentes forestais e persoal técnico de distritos, feitos que permiten retomar as actuacións de queimas en terreos rústicos.
Para iniciar a tramitación e en tanto non estean abertas ao público as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías, ou ben chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática dende o enderezo web https://queimasweb.xunta.gal.