Denuncian irregularidades na exposición pública dos parques eólicos Mistral e Nordés

TerraChaXa
A veciñanza afectada e o SLG denuncian irregularidades na exposición pública dos parques eólicos Mistral e Nordés
exposicion publicar parques eolicos nordes mistral
17 Nov 2021

O pasado 7 de outubro o Boletín Oficial da Provincia de Lugo recollía o anuncio de dous novos megaparques eólicos máis: Parque Eólico Mistral de 100,8 MW e infraestrutura de evacuación na provincia de Lugo (solicitado por Greenalia Wind Power Nordés SLU), e o Parque Eólico Nordés de 67,2 MW e infraestrutura de evacuación nas provincias de A Coruña e Lugo (solicitado por Greenalia Wind Power Nordés SLU).

O período de alegacións é de 30 días, "pero a veciñanza afectada e os colectivos sociais articulados fronte á invasión eólica do medio rural atopámonos ca dificultade de que o enlace que debería levar ao proxecto de instalacións e estudo de impacto ambiental, arquivos obxecto de consulta para a elaboración das mesmas, está caducado (https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/e81d4c6dab4be13c17155e6d29cd48c725b90dcc), amosando un mensaxe de erro", din.

"Esta situación vulnera os dereitos das persoas afectadas e da cidadanía en xeral, ao impedir a participación pública. Así o fixemos constar no día de hoxe ao Ministerio de Política Territorial a través do rexistro dun escrito no que dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos a correspondente realización dunha nova publicación e a concesión dun novo prazo de alegacións", explican.

"A Lei de Depredación (2017), a Lei de Simplificación Administrativa (2021) e a estreita conexión das empresas que monopolizan o negocio enerxético na Galiza co goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia -véxase por exemplo o caso da ex-conselleira de Medio Ambiente con Feijoo, Beatriz Mato, que deixou o seu cargo no ano 2018 para ser precisamente conselleira executiva de Greenalia-, constitúen impedimentos moi significativos para que a cidadanía, a poboación que vivimos nas áreas rurais, podamos protexernos. Os enlaces errados nas publicacións oficiais, e todo cando obstáculo detectemos fronte o dereito das persoas a alegar contra os macroproxectos do monopolio enerxético serán denunciados", conclúen.

0.18348097801208