Denuncian que a calefacción do Centro de Día de Cospeito leva sen arranxarse desde novembro

TerraChaXa
Están a utilizar radiadores eléctricos e unha estufa de queroseno, "uns medios considerados claramente insuficientes para garantir unhas condicións térmicas axeitadas", din
centro-de-dia-cospeito
19 Jan 2026

O centro de día Vila de Valverde, no concello de Cospeito, leva máis de dous meses sen contar co seu sistema habitual de calefacción, unha situación que se prolonga en pleno inverno e con baixas temperaturas. Segundo indican familiares das persoas usuarias, a causa estaría nunha avaría dunha peza da caldeira de subministro, que deixou de funcionar antes do 12 de novembro de 2025 e que, a día de hoxe, continúa sen solución definitiva.

Desde entón, tanto as persoas usuarias como o persoal do centro vense obrigadas a soportar o frío coa axuda limitada de radiadores eléctricos e dunha estufa de queroseno, "uns medios considerados claramente insuficientes para garantir unhas condicións térmicas axeitadas", din. As familias cualifican a situación de "totalmente inaceptable", especialmente tendo en conta que se trata dun servizo ao que acoden diariamente persoas con distintos graos de dependencia e que ademais contribúen economicamente ao seu mantemento.

A falta de calefacción está a afectar de maneira directa ao funcionamento do centro, xa que obriga a concentrar a todas as persoas usuarias nun único andar para tentar conservar algo de calor. "Ao tratarse dun edificio amplo e con varias plantas, resulta imposible acadar unha temperatura adecuada empregando unicamente radiadores eléctricos, cuxo uso ademais debe limitarse en determinados momentos para permitir outras tarefas básicas, como o quecemento dos xantares", engaden.

Familiares e persoas próximas ao centro denuncian que esta deficiencia, prolongada no tempo sen unha resposta eficaz, supón unha grave falta de xestión e mantemento das instalacións. Consideran que se trata dunha situación "difícil de comprender e absolutamente inadmisible, máis aínda nun servizo asistencial esencial e nun contexto como o da Galiza do século XXI".

⚙ Configurar cookies
0.0902259349823