Deputación e CEL reflicten en 'Lugo en Cifras' a situación socioeconómica da provincia
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron unha nova edición de Lugo en cifras, unha publicación que se retoma grazas á colaboración entre as dúas institucións.
Tomé Roca explicou que Lugo en Cifras “é unha recompilación de datos socioeconómicos sobre a provincia de Lugo. Trátase dunha fotografía da realidade social e da realidade empresarial e económica da provincia, que volve a publicarse despois de dez anos de parón, e que é froito, un froito máis, da colaboración permanente que mantemos dende a Deputación co tecido produtivo da provincia, neste caso, coa CEL”.
Neste senso, o rexedor provincial indicou que “para a Deputación esta permanente colaboración co tecido económico é imprescindible porque as políticas públicas, para ser eficaces, deben ter en conta a situación, as necesidades e as iniciativas dos axentes que crean emprego e que crean riqueza, contribuíndo ó desenvolvemento da provincia de Lugo”.
“Esta cooperación é sempre necesaria, pero moito máis, neste ano 2020, un ano marcado pola crise que provocou a pandemia. O que comezaba como unha ameaza sanitaria estendeuse ata converterse nunha crise económica que afecta, en maior ou menor medida, a todos os sectores da sociedade. Afortunadamente, a chegada das vacinas fainos mirar ó futuro cun certo optimismo e con esperanza, de cara á recuperación da normalidade e de cara á reactivación da nosa economía”, remarcou o Presidente.
Así mesmo, Tomé Roca subliñou que para avanzar cara esa recuperación e esa reactivación económica “debemos seguir traballando dende as administracións públicas en colaboración co tecido produtivo, e facelo dende un coñecemento sólido da realidade social e económica do territorio. Por iso, é unha satisfacción recuperar, xusto neste momento, a publicación Lugo en cifras, que deixou de elaborarse no ano 2010, como consecuencia da crise económica”.
O máximo responsable provincial explicou que a radiografía da provincia que fai Lugo en Cifras “será un instrumento importante para o tecido empresarial á hora de tomar decisións de futuro, pero tamén para nós, para os responsables políticos, de cara ó deseño, á planificación e ó desenvolvemento de políticas públicas que favorezan a mellora da calidade de vida da cidadanía e que impulsen a actividade económica e o emprego na provincia”.
Finalmente, o Presidente puxo en valor a publicación “pois reflexa a provincia que xa somos e danos ferramentas para construír esas novas iniciativas de futuro. Polo tanto, espero que a CEL continúe con esta publicación nos vindeiros anos”.
Pola súa banda, Jaime López destacou tamén que esta publicación nace con vocación de continuidade, e que “nos próximos anos nos permitirá analizar o verdadeiro impacto da crise da COVID-19 en Lugo e os avances que se vaian producindo no camiño da recuperación”. Espera tamén que sirva para “consulta e análise por parte tanto das empresas como dos responsables políticos que deben tomar decisións de futuro en relación á provincia”.
Recuperación
Lugo en Cifras 2020 é a recuperación dun informe que fora publicado xa durante seis anualidades (de 2005 a 2010) pola Fundación CEL, e a que agora se edita tratando de dar continuidade a aquela iniciativa. Incorpora datos fundamentalmente dunha anualidade, coma as anteriores, neste caso 2019 por ser os máis actualizados. Non obstante, en determinados apartados contémplanse tamén datos de anualidades anteriores para facilitar a análise comparativa.
Permite a consulta nunha única publicación e datos provincias e comarcais de poboación, demografía empresarial, mercado laboral ou prazas en aloxamentos turísticos, entroutros.
Entre algunhas cuestións reseñables, destacan en Lugo en Cifras 2020 datos como a confirmación do descenso e progresivo envellecemento da poboación lucense en comparación co total de Galicia e de España, resultando “preocupante” segundo a CEL “que a idade media dos habitantes da provincia se site xa case nos 50 anos”.
A nivel da riqueza dos fogares, destácase que a maioría dispón de entre 1.000 e 1.500 euros mensuais.
O PIB mantense no entorno dos 7.500 millóns de euros, preto do 13% do galego, mentres que se consolida o sector servizos, no que xa se empregan o 68,21% dos traballadores da provincia, mentras continúa en descenso o sector da agricultura debido á desaparición dun gran número de explotacións, á súa agrupación e mecanización, o que implica una menor necesidade de man de obra neste ámbito.
O tecido empresarial da provincia aglutina a case 25.000 empresas, o que representa o 12,34% do total de Galicia. Más da metade destas non ten empregados (un 53,31%) e case un 97% son microempresas, é decir, teñen menos de dez traballadores, e soamente un 0,28% teñen entre 50 e 249 traballadores, “reflexo do atomizado que está o noso tecido empresarial”, sinala a CEL.
Lugo en Cifras 2020 incorpora tamén datos do sector exterior, complementarios da publicación específica “Lugo e os mercados exteriores”, editada tamén pola CEL e a Deputación de Lugo, e que en 2019 confirman a balanza comercial negativa que a provincia ten co exterior por valor de 90 millóns de euros.
Outros datos destacables son que Lugo é a provincia de Galicia que máis superficie destina á agricultura ecolóxica (case o 50% do total da comunidade); a que ten un maior número de operadores (43,28% do total de produtores e 24,01% do total de comercializadores) e a que máis vendas xera ao ano (un 35,70% do total), así como a tendencia á alza do sector turístico.
Finalmente, o estudio tamén retrata que as comarcas máis puxantes en términos económicos, empresariais e demográficos continúan a ser Lugo, moi por diante das demais, xunto coa Terra Chá, Sarria, A Mariña Central e Terra de Lemos.
A CEL distribuirá exemplares en papel entre as entidades e empresas máis representativas da provincia. Lugo en Cifras 2020 estará tamén dispoñible para consulta e descarga no apartado de publicacións da páxina web da CEL www.cel.es.