Deputación e Concello asinan o convenio que permitirá construír a residencia de Guitiriz
Foi necesario resolver o contrato coa empresa adxudicataria das obras, redactar un novo proxecto, que tivo que ser validado por Patrimonio Cultural da Xunta en Lugo e Santiago, e tramitar e aprobar un novo acordo de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello para construír o centro, que é o documento asinado onte.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, no consistorio do municipio chairego o novo convenio de colaboración entre ambas administracións que fará posible a construción do Centro de Atención a Maiores da localidade tras o colapso da Casa da Botica debido a un temporal, unhas obras para as que a institución provincial aumenta o investimento que tiña previsto inicialmente nun 30% (450.000€), ata alcanzar os 2M€.
“Este día ten moitísimo traballo detrás e demostra o noso compromiso absoluto co Concello e cos veciños e veciñas de Guitiriz”, subliñou o mandatario provincial, quen lembrou que o colapso da antiga Casa da Botica “obrigounos a comezar practicamente de cero”, pois, explicou, “tivemos que resolver o contrato coa empresa adxudicataria das obras; tivemos que redactar un novo proxecto, que tivo que ser validado polo servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo e Santiago; e tivemos que tramitar e aprobar un novo convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello para poder construír a residencia, que é o documento que asinamos hoxe”.
Polo tanto, a incidencia do temporal “retrasou a execución das obras”, asegurou o Presidente, pero “é igual de certo que, co novo proxecto que redactamos, conseguiremos unhas instalacións máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ao modelo asistencial que temos implantado na Deputación de Lugo”.
Engadiu así mesmo que se respectan os elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira, “que quedarán integrados no novo edificio”, sinalou José Tomé.
O proxecto está valorado en practicamente 2M€, destacou o Presidente, o que significa unha subida dun 30% (450.000€ máis) con respecto ao anterior presuposto, un “aumento importante, que asume integramente a Deputación de Lugo”.
Próximos pasos
Unha vez asinado onte o convenio, o mandatario provincial avanzou que os seguintes pasos serán solicitar ao Concello a modificación da licencia municipal de obra e á Xunta de Galicia a autorización correspondente, ademais de iniciar, ao mesmo tempo, o procedemento para licitar as obras do edificio co obxectivo de que, se todo vai sobre o previsto, queden adxudicadas antes de finalizar este ano 2022.
Residencia pública, moderna, cunha xestión centrada nas persoas
“Agora si, podemos dicilo alto e claro, Guitiriz terá a súa residencia de maiores. Unha residencia pública; moderna; cunha xestión centrada nas persoas; que favorecerá o arraigo, porque os veciños de Guitiriz terán prioridade no acceso ás prazas; e que creará actividade económica e emprego”, destacou José Tomé, quen indicou neste sentido que o centro creará 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar “todo o emprego indirecto e o retorno económico que terá para a zona o funcionamento” da dotación social.
Grazas á implicación e esforzo da Deputación e o Concello
O Presidente recalcou tamén que Guitiriz terá a súa residencia “grazas á implicación e ao esforzo da Deputación e do Concello, en exclusiva”, lamentando que, aínda que a Lei atribúe as competencias en servizos sociais á Xunta de Galicia, esta administración “non aporta nin un só euro, nin para a construción, nin para o funcionamento deste centro, como tampouco achega nada para ningunha das residencias que estamos impulsando dende a Deputación na provincia de Lugo”. Unha falta de apoio “que cremos totalmente inxusta para os nosos veciños e veciñas”, por iso “querémolo poñer de manifesto”, pero, en todo caso, subliñou José Tomé, dende a Deputación “seguiremos adiante para cumprir cos compromisos que temos cos concellos en materia de residencias, como estamos cumprindo co Concello e cos veciños e veciñas de Guitiriz”.
Ao acto que tivo lugar esta tarde no concello chairego asistiron tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e Antonio de Vega, o arquitecto redactor do novo proxecto para o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz.
Unha Rede de Centros de Maiores que aumenta
A Deputación de Lugo abriu neste mandato catro centros de maiores, que se suman aos tres que xa estaban funcionando. Na actualidade ten sete residencias en servizo en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, e antes de finalizar o ano arrancará a actividade nas de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Ademais, sigue traballando nos proxectos que están en marcha, como son os de Guitiriz, A Pontenova, Portomarín, Pantón, Cervantes, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol e Folgoso do Courel.
Nos Orzamentos deste ano 2022 a Deputación aumentou un 20% a partida que destina aos Centros de Atención a Maiores ata acadar preto de 10M€.