Deputación e USC asinan o convenio de 2 millóns para a construción da Granxa Experimental do Campus Terra
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, asinaron este luns o convenio de colaboración para a construción da Granxa Experimental do Campus Terra. Campos e Viaño informaron sobre o proxecto nun acto no que tamén participou o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o Director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García, e o Decano da Facultade de Veterinaria en Lugo, Germán Santamarina Pernas.
Este proxecto está dotado de 2 millóns de euros: 1,3 millóns achégaos a Deputación para as obras e 740.000 euros a USC para o equipamento. Campos Conde explicou que “temos en marcha o proceso de contratación das obras de 1,3 millóns de euros, estando aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 12 de decembro. A previsión é iniciar os traballos de construción no primeiro trimestre do 2018 e que estas instalacións públicas estean en funcionamento no curso académico 2018-2019”. Estarán listas, polo tanto, para cando a Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) visite a provincia para renovar a distinción internacional da Facultade de Veterinaria.
“A Granxa Experimental do Campus Terra terá como obxectivos avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. Con isto pretendemos combater uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite, e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais”, subliñou o Presidente.
Viaño Rey destacou que “o convenio que asinamos hoxe fai realidade unha demanda histórica do Campus Terra, que é a de establecer unha granxa experimental de leite que dea resposta ás necesidade docentes e investigadores dos dous centros que máis definen esencialmente o universidade lucense: Veterinaria e Politécnica. Isto é posible grazas ao apoio e compromiso da Deputación que, unha vez máis, amosa o seu compromiso coa Universidade”.
“Esta nova infraestrutura axuda a reforzar o papel do Campus Terra como unha referencia internacional da xestión sostible dos recursos da terra. A colaboración entre ambas administracións aposta unha vez máis pola innovación e o coñecemento que axudarán a que o sector produtor de leite, tan importante para a economía de Lugo e de Galicia, sexa máis eficiente e teña máis futuro, nun mercado cada vez máis global e competitivo”, apuntou o reitor.
Características
O Presidente da Deputación apuntou que “a Granxa Experimental do Campus Terra é un proxecto totalmente pioneiro na provincia, pois implica a dotación dunhas instalación públicas ao servizo do Campus Terra, nas que profesionais e alumnos, especialmente da Escola Politécnica e da Facultade de Veterinaria, poderán realizar actividades docentes e proxectos de investigación no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da competitividade das explotacións lácteas”.
Tal e como se apunta nas infografías (axúntase imaxe), son 5 as estruturas que se construirán dun total de 4.400 metros cadrados, nunha finca da Granxa Gayoso Castro de 30 hectáreas, que servirá para producir, por exemplo, forraxe para os animais. Estas son:
1.- Nave de Gando de Leite, de 2.500 metros cadrados, que acollerá unhas 70 vacas en produción. Está composta por dous módulos de cubículos, dispostos cola con cola,
entre os cales existe un corredor de limpeza. Disporá tamén unha zona para vacas secas con 17 cubículos. Toda esta infraestrutura estará equipada con sistema de muxidura automático, lazareto, parideiras, leitería, arrobadeiras de cable...
2.- Nave de Maquinaria, de 500 metros cadrados, para gardar a maquinaria. Tamén haberá un taller para realizar o mantemento das propias máquinas, zona de lavado e combustible.
3.- Edificio de Prácticas, de 400 metros cadrados, que poderá acoller a un total de 60 persoas, 40 alumnos na aula, e 20 investigadores e docentes no laboratorio.
4.- Fosa de Purín, que terá unha profundidade de 2 metros e unha capacidade total de 1050 m3, irá cuberta con lona de seguridade impermeable construída a base dunha trama de poliéster revestida con lámina de PVC nas dúas caras.
5.- Creación de 2 silos de formigón armado de 35x8. Terá unha capacidade total de 560 metros cúbicos e disporá dun sistema propio para recoller os lixiviados e destinalos á fosa de purín.
A Granxa Experimental de Leite cubrirá unha parte importante de veterinaria e politécnica. Profesorado, alumnado e docentes de Veterinaria, poderán realizar prácticas de diferentes materias de veterinaria, enxeñería agrícola e alimentaria; máster de enxeñeira agronómica e máster de produción de leite, cun enfoque máis profesional e práctico en aspectos como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite ou produción agraria. Tamén se desenvolverán actividades de investigación en temas de interese para o sector e actividades de formación continua para profesionais do sector e gandeiros.
Nacemento do proxecto
Este iniciativa nace no 2015 cando, ante a desaparición do sistema de cotas lácteas da Unión Europea, cando o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, propuxo ao Campus de Lugo reorientar a finalidade da Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro, onde os alumnos de Veterinaria xa realizan as súas prácticas, reconverténdoa nun centro experimental, exclusivamente ao servizo de estudantes e investigadores, no que desenvolver proxectos no eido da innovación que revertan no impulso do sector lácteo. Tras avaliar a posibilidade de aproveitar estas instalacións e constatar que era máis custosa a súa reforma que unha nova instalación, elaborouse o proxecto presentado hoxe.