Deputación e USC constrúen o primeiro centro de investigación láctea da provincia
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a vicerreitora do Campus de Lugo, Monsterrat Valcárcel, e o deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron o avance das obras do primeiro centro de investigación láctea da provincia, que Deputación e USC constrúen con 2 millóns de euros. Desta cantidade, o organismo provincial achega 1,3 millón e a Universidade 750.000 euros. Fano co obxectivo de contribuír á mellora deste sector mediante a aplicación dos proxectos que investigadores e estudantes do Campus de Lugo (Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria, Máster de Produción de Leite...) desenvolvan nestas instalacións.
Campos Conde destacou que “este centro enmárcase dentro da nosa aposta por unha Deputación rural e coas persoas. Pois en Lugo contamos cunhas 3.600 explotacións láctea. O sector do leite representa o 18% do emprego na nosa provincia. Lugo lidera a produción leiteira en Galicia e en España con máis de 1,2 millóns de toneladas ao ano. Polo tanto, o sector lácteo é unha prioridade para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia. Queremos contribuír ao seu impulso, a axudar aos profesionais a reducir custos de produción, a facer máis competitivas as súas explotacións ou a mellorar a súa calidade de vida. Buscamos facelo a través da investigación e a innovación; aproveitando o grande potencial humano que temos no Campus de Lugo onde o 25% dos seus grupos de investigación están relacionados coa produción láctea. Investigadores ou estudantes de Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria ou do Máster de Lei, entre outras titulacións, poderán desenvolver nestas instalacións os seus proxectos, que unha vez constatado o seu éxito se aplicarán a pé de leira, é dicir, nas propias explotacións lácteas da provincia que así o desexen”.
A Terra Chá, referente do sector lácteo
“A Comarca da Terra Chá, os Concellos que a abrangan, como o de Castro de Rei, é unha zona clave na provincia para o sector lácteo polo número de gandeiros, explotacións de leite ou o volume de produción láctea. Queremos convertela nun referente do sector tamén polas punteiras instalacións que acolle para a mellora e impulso deste sector”.
Valor engadido ás 130 hectáreas da Granxa Gayoso Castro
“Cremos que é o mellor lugar para facelo, tendo en conta ademais que aquí contamos cunhas 130 hectáreas de terreos e instalacións públicas da Granxa Gayoso Castro da Deputación. Fixémolo coa posta en marcha do centro de recría de gando vacún de leite máis grande de Galicia onde cada semana están a entran máis e máis novillas de explotacións lucenses. Hoxe temos unhas 600 de máis de 50 explotacións da provincia, tendo unha capacidade total para case 3.000 e con prioridade de acceso a profesionais lucenses, pois son unhas instalacións feitas para eles. Damos un paso máis coa construción da chamada Granxa Experimental do Campus Terras, que é o 1º centro de investigación sobre o sector lácteo que teremos na provincia e que desenvolvemos xunto á Universidade”, destacou o Presidente.
Participación dos gandeiros
“A Deputación non ten que producir leite. Ten que axudar aos profesionais do sector lácteo da provincia, escoitar e atender as súas necesidades”, remarcou. A participación dos gandeiras é unha das patas principais da granxa, pois está prevista a creación dun grupo de traballo formado por gandeiros, especialmente da contorna, para detectar as problemáticas máis inmediatas e tratar de incorporalas á axenda investigadora e experimental da granxa, en coordinación con outros grupos, promovendo a organización de cursos e xornadas de utilidade que dean resposta a esas problemáticas.
Proxectos de investigación
O establecemento dun sistema eficiente que combine robot de muxido co pastoreo, que permita a distribución das parcelas de xeito que se maximice o aproveitamento dos pastos, minimizando o desprazamento dos animais; un ensaio de distintos materiais nas camas dos animais; investigacións sobre o comportamento diario dos animais a través do sistema de seguemento incorporado ca adquisición do robot; iniciativas relativas ao benestar animal... son algúns dos proxectos nos que quere avanzar a USC no centro. Actualmente, existen diversos grupos no Campus de Lugo que investigan sobre as problemáticas do sector nun amplo abanico de temáticas: dende as máis vencelladas ao comportamento e saúde dos animais como son os grupos de veterinaria; ás ligados ao estudo das dinámicas produtivas do sector, pasando por aqueles que estudan os aspectos máis técnicos das novas tecnoloxías de mecanización rural. Dos 40 grupos de investigación que hai actualmente no Campus, unha ducia céntranse nesta temática.
Smart farming
Este centro permitirá darlle un impulso á innovación sobre todo no tocante ao smart farming ou, o que é o mesmo, á agricultura intelixente e ao impulso dos sistemas de pastoreo. A granxa contará cun robot de muxido automatizado e en canto ao sistema de produción prevese que as vacas teñan acceso libre aos pastos a maior parte do ano. Tamén contribuirá a mellorar a formación de veterinarios e enxeñeiros agrónomos. Precisamente, esta vocación experimental da granxa permitirá complementar as investigacións teóricas do persoal docente e investigador do Campus Terra coa súa posta en práctica. Esta vertente experimental facilita, á súa vez, a participación en proxectos de investigación e a captación de recursos.
Obras e características
Estanse a construír as 5 estruturas, dun total de 4.400 cadrados nunha finca de 30 hectáreas, coas que contará a Granxa Experimental de Leite do Campus Terras: 1.- Nave de Gando de Leite, de 2.500 metros cadrados, que acollerá unhas 70 vacas en produción. Estará composta por dous módulos de cubículos, dispostos cola con cola, entre os cales existe un corredor de limpeza. Disporá tamén unha zona para vacas secas con 17 cubículos. Toda esta infraestrutura estará equipada con sistema de muxidura automático, lazareto, parideiras, leitería, arrobadeiras de cable... 2.- Nave de Maquinaria, de 500 metros cadrados, para gardar a maquinaria. Tamén haberá un taller para realizar o mantemento das propias máquinas, zona de lavado e combustible. 3.- Edificio de Prácticas, de 400 metros cadrados, que poderá acoller a un total de 60 persoas, 40 alumnos na aula, e 20 investigadores e docentes no Laboratorio. 4.- Fosa de Purín, que terá unha profundidade de 2 metros e unha capacidade total de 1050 m3, irá cuberta con lona de seguridade impermeable construída a base dunha trama de poliéster revestida con lámina de PVC nas dúas caras. 5.- Creación de 2 silos de formigón armado de 35x8. Terá unha capacidade total de 560 metros cúbicos e disporá dun sistema propio para recoller os lixiviados e destinalos á fosa de purín. Arestora, execútase a explanación da parcela, cimentación e instalación de pilares das naves, dos módulos verticais dos silos, os muros de contención e división central da fosa de purín.