Deron inicio os traballos previos para a construción da nova residencia e centro de día da Pastoriza

A empresa Cenilesa fixo o estudio geotécnico do subsolo para a construción do futuro centro de día residencial na Pastoriza.
Trátase do paso previo para o inicio desta obra, na que a Xunta colaborará para edificar unha nova residencia e centro de día. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou co alcalde, Darío Cabaneiro, un convenio por importe de 18.000 euros para financiar a redacción do proxecto deste equipamento, que será de titularidade municipal.
Este centro disporá de 56 prazas, 40 de centro de día e 16 residenciais. A colaboración da Administración autonómica responde ao compromiso asumido pola Consellería de Política Social e Igualdade co alcalde, cando este presentou o proxecto en novembro do ano pasado.