Derradeira xornada de #DegustaAMariña co peixe do día
Coas xornadas dedicadas ao peixe do día, que terán lugar do 28 ao 30 de agosto, rematará a campaña #DegustaAMariña da FCAM. Os locais hostaleiros participantes ofrecerán tapas, racións ou pratos elaborados co peixe coma ingrediente principal.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, manifestou que “nesta última fin de semana de agosto queremos render homenaxe aos nosos mariñeiros. E por ese motivo #DegustaAMariña estará dedicada ao peixe do día. Son moitas as embarcacións que a diario saen ao mar para traernos os mellores produtos e os máis frescos: sanmartiño, sargo, dourada, ollomol, palometa, sardiñas, bocarte, xurel… Será un bo momento para saborear as exquisitas preparacións que atoparemos na nosa hostalería”.
A FCAM estivo a homenaxear, desde o pasado 24 de xullo, a todas as festas gastronómicas da comarca que este verán foron canceladas. Xa houbo fins de semanas dedicadas á pescada, ao bonito, ao marisco, á tenreira galega, á horta da Mariña e agora co peixe do día conclúe esta campaña.
A Federación de Comercio A Mariña anima a disfrutar desta cita gastronómica e a deixar constancia das boas mesas compartidas estes días “a través das fotos que podemos colgar en Instagram empregando o hastag #DegustaAMariña cunha pequena descrición sobre a súa experiencia”.
A campaña #DegustaAMariña prolongarase ata finais deste mes de agosto. Colaboran coa FCAM: a Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.