Derrúbase unha parte da fachada da Casa da Botica de Guitiriz
A Deputación de Lugo mobilizou a primeira hora da mañá deste domingo a técnicos da institución provincial e á empresa adxudicataria das obras do centro de atención a maiores de Guitiriz co fin de executar os traballos precisos para apuntalar, reforzar e consolidar unha parte da fachada da Casa da Botica logo de sufrir hoxe un derrubamento parcial.
A caída do muro aconteceu no alzado dereito da fachada principal e puido deberse presumiblemente ao forte temporal de vento destes días, que puido facer efecto vela e empurrar a estrutura, provocando o seu desprendemento e derrubo.
A institución provincial solicitou hoxe mesmo informes de avaliación do acontecido á dirección da obra, á dirección de execución e á empresa encargada da construción da residencia, co obxectivo de determinar as causas que provocaron este derrubamento parcial e adoptar todas as medidas necesarias que permitan continuar as obras con seguridade.