Desbotada a moción socialista que pedía transporte escolar para alumnos de Baamonde
Para os socialistas, o PP "veta o uso de transporte escolar" ao alumnado de Baamonde escolarizado no CEIP Santo Estevo de Parga. Así o declararon trala Comisión de Educación do Parlamento logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista para urxir á Consellería de Educación que permita a estes alumnos e alumnas o uso dun autobús que xa pasa polo municipio.
Despois de que a Xunta pechase o CEIP de Baamonde, cuestión denunciada en diversas ocasións polo PSdeG, o seu alumnado foi trasladado ao centro CEIP Virxe do Corpiño. Neste contexto, un colectivo de nais e pais de alumnos optaron por matricular aos seus fillos e fillas no CEIP Santo Estevo de Parga, situado no concello de Guitiriz, a 9 quilómetros de Baamonde, distancia practicamente idéntica á existente a Begonte, pero onde non teñen dereito a un dos servizos complementarios establecidos pola Consellería, como o transporte escolar.
Ante esta circunstancia e tendo en conta que por Baamonde circula unha liña de transporte escolar para o alumnado da parroquia de Pígara, que pertence ao concello de Guitiriz, cara ao CEIP Santo Estevo de Parga, Álvarez pediu ao goberno galego que “garanta este curso o transporte a calquera dos centros de Guitiriz ou Begonte” para o alumnado reubicado do CEIP Baamonde, xa que “non se trataría de ofertar un novo servizo nin suporía un incremento do custe” para a Xunta.
“A única explicación razoable a que non se autorice unha parada en Baamonde é que, de maneira inaceptable, a Xunta continúe dando cobertura ás maneiras máis propias de tempos pretéritos que ten amosado o alcalde de Begonte diante dos seus veciños e veciñas”, censurou Álvarez.
Así, o responsable socialista cualificou a situación de “absolutamente irracional” e “incoherente” xa que este alumnado “si pode usar outro servizo complementario como o comedor”, polo que a Consellería “se quere ser flexible, pode selo”. “Entenden como aceptable que pasando un bus escolar por unha estrada non se autorice unha parada e que teñan as nais e pais que levar aos nenos e nenas nos seus coches propios á escola?”, cuestionou.
“Non distorsiona o servizo público nin alonga a duración da ruta”, defendeu Álvarez, polo que non autorizar unha nova parada é unha “anomalía” dende o punto de vista organizativo e das institucións que regulan o uso do transporte público.
A MOBILIZACIÓN SOCIAL DE BEGONTE
Por último, Álvarez lembrou que durante os primeiros meses deste ano “tivo lugar unha intensa mobilización social no concello de Begonte tras coñecer a intención da Consellería de Educación para proceder á unificación dos CEIP de Baamonde e CEIP Virxe do Corpiño nun único centro, trasladando o alumnado do CEIP de Baamonde ao CEIP Virxe do Corpiño” para así “empregar as instalacións do CEIP de Baamonde para un futuro conservatorio de música de incerta titularidade”.
“Todas as iniciativas encamiñadas a manter o centro en funcionamento foron rexeitadas cos votos en contra do Grupo Parlamentario do Partido Popular que, deste xeito, deu cobertura a unha proposta que partiu do alcalde deste municipio” que, concluíu, é “fondamente carente de fundamento”.