Descenden os casos de covid pero mantense estable o estado de alertas
A provincia continúa reducindo o número de casos activos de covid de forma notoria. Así, hoxe son 702 casos activos, que son 46 menos que onte. Na xornada anterior o descenso foi de 12. Volven a crecer as altas mentres os contaxios novos seguen baixando.
De feito, rexistráronse nas últimas 24 horas 22 casos novos (onte foron 25). Ademais, as altas chegaron ás 10.741, 77 en 24 horas, o día anterior foron 45.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 11.650 casos rexistrados e 202 persoas falecidas, dous máis, unha muller de 96 anos e un home de 84, ambos os dous no Hula.
A presión hospitalaria segue baixando de forma ostensible. Na UCI do Hula hai 13 ingresados (3 menos), e en planta hai 27 enfermos (10 menos), 21 (7menos) no hospital de Lugo, 3 na Mariña (2 menos) e 2 en Monforte (1 menos). O Polusa de Lugo segue cunha persoa ingresada.
POR COMARCAS
A Mariña
A Pontenova segue con 11 casos e en alerta media mentres a incidencia segue a disminuír con cinco concellos limpos de covid.
- Viveiro volve baixar, un, e queda en 11.
- A Pontenova continúa con 11 casos á espera do cribado e segue en alerta media.
- Trabada, Xove, Mondoñedo e Alfoz seguen sen casos novos en 15 días e únese agora O Vicedo.
Terra Chá
Sen cambios na comarca cos dous con máis incidencia, Guitiriz e Vilalba, á baixa.
- Vilalba mantén 17 casos, 7 menos que onte.
- Guitiriz reduce 7 casos e queda en 87 e segue en máxima alerta.
- Outeiro de Rei mantén os 14 casos e o estado de alerta media.
- Rábade segue en alerta media malia ter menos de dez casos.
- Pol, Abadín e Xermade e A Pastoriza continúan limpos de covid.
- No veciño Concello das Pontes están en alerta media malia baixar 2 casos e quedar en 29.
Centro da provincia
Lugo continúa baixando pouco a pouco con Guntín e Baralla fóra da zona de alerta e O Corgo descendido xa á media tras unha importante rebaixa de casos.
- Lugo reduce novamente 3 casos e queda en 229 en total.
- O Corgo cae ao estado de alerta media tras reducir 7 casos e rexistrar un total de 13.
- Guntín volve estar por debaixo de 10 e xa non está en alerta, o mesmo que Baralla, que xa tiña menos de 10.
- A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Navia Cervantes e Ribeira de Piquín e Antas de Ulla levan limpos varias semanas. Únese agora Monterroso e As Nogais.
Comarca de Sarria
Todos os concellos quedan fóra dos grados de alerta e só hai casos en Sarria e Láncara.
- Sarria reduce dous casos ata 10.
- Samos, Triacastela, O Incio, Paradela e O Páramo estaban xa sen casos novos dende hai 15 días e agora únese Portomarín.
Ribeira Sacra
Sen cambios para a comarca que mantén a Monforte, A Pobra de Brollón e Sober en alerta media malia ter menos de 10 casos.
- A vila de Monforte contabiliza hoxe 53 casos, 6 menos.
- Sober e A Pobra de Brollón, malia estar por debaixo de dez casos, seguen en alerta media.
- Bóveda, Folgoso do Courel e Ribas do Sil seguen sen casos dende hai máis de 15 días.