Descubren un novo túmulo funerario no Valadouro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
28 Ago 2019

As escavacións que nos últimos días se realizaron nas inmediacións do campo de fútbol do Valadouro concluíron e o seu peche deixa o descubrimento dun túmulo máis, que se suma aos dous descubertos con anterioridade. Trátase dun complexo fúnebre, no que apareceron tamén figuras a modo de homenaxe aos alí soterrados. Existían indicios que levaban a pensar que existía unha tumba máis ao lado das dúas xa coñecidas e, coas escavacións pertinentes, púidose contrastar que así era. Unha vez atopada, o traballo dos investigadores tentou estudar o estado dos restos.

Segundo fontes próximas aos arqueólogos responsables do proxecto, sempre se atopan lendas populares arredor dos xacementos, o que potencia moito esa visión deles como lugares máxicos. Moitas veces mesmo seguen a ser empregados cemiterios durante anos ou, cando menos, mantendo ese nivel de zona sagrada.

Isto non é algo que aconteza só en Galicia, pois ao longo de toda a costa atlántica europea podemos atopar túmulos similares aos do Valadouro. O básico destes xacementos repítese por media Europa, pero sempre hai características especiais que diferenzan os monumentos. E tamén hai distincións entre as tumbas pois, naqueles anos, nos que xa se podía falar de xerarquías, non todos eran soterrados do mesmo xeito.

 

0.090558052062988