Deseñan no CEIP Virxe do Corpiño unha unidade didáctica sobre o Belén de Begonte

TerraChaXa
O obxectivo é servir de pauta para achegarlle ao alumnado información sobre o histórico nacemento, referente do Nadal en Galicia e recoñecido como Festa de Interese Turístico autonómico
presentacion-unidade-didactica-belen-de-begonte
16 Oct 2025

Profesorado do CEIP Virxe do Corpiño elaborou unha unidade didáctica sobre o Belén de Begonte, que porán a disposición de todos os centros educativos interesados. O obxectivo é que sirva de pauta para achegarlle ao alumnado información sobre o histórico nacemento, referente do Nadal en Galicia e recoñecido como Festa de Interese Turístico autonómico.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta nova ferramenta didáctica xunto co alcalde de Begonte, José Ulla; o presidente do Belén, Xulio Xiz; e o director do colexio, Eliseo Real, entre outras persoas.

Destacaron o exhaustivo traballo realizado polos docentes do CEIP begontés, que deu como resultado un instrumento atractivo e útil para contribuír ao coñecemento e difusión do Belén, ademais de servir como punto de partida das accións para intentar que sexa declarado de Interese Turístico Nacional.

A unidade está editada en galego e castelán para que sexa utilizable dentro e fóra da Comunidade e será facilitada gratuitamente aos centros interesados. Tamén estará dispoñible na páxina web do Belén, para incrementar a súa difusión.

Arias felicitou aos autores da iniciativa e destacou en especial “que se poña o foco en divulgar a importancia desta manifestación cultural entre a xente nova, xa que isto contribuirá a mantela viva”.

Cursiño audiovisual para 12 escolares do CEIP

Así mesmo, o Centro Cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén, quere dar especial acollida ao alumnado do CEIP de Begonte no certame audiovisual que convoca anualmente co gallo do Nadal.

Para facilitar a súa participación, o colexio e os organizadores do Belén desenvolverán un cursiño de formación audiovisual, que impartirá a fotógrafa Begoña Pérez durante tres venres do mes de novembro, cunha duración de entre 90 e 120 minutos cada xornada. Están seleccionados xa os doce alumnos e alumnas participantes, todos eles voluntarios.

⚙ Configurar cookies
0.072724103927612