Desencontro no Pleno de Vilalba convocado pola oposición
Desacordo na celebración do Pleno celebrado onte en Vilalba a petición de PP e Vilalba Aberta para aprobar axudas para a hostalaría.
Así, o goberno socialista de Vilalba censura a actitude da oposición e afirma que “se trata dunha artimaña máis da oposición, que leva todo este tempo votando en conxunto para atacar sen argumentos e enganar aos veciños e veciñas con medias verdades”. A oposición solicitou este pleno plasmando dous acordos: o primeiro, a aprobación das bases reguladoras das axudas a autónomos e empresas afectadas pola crise sanitaria da Covid-19, e o segundo, a incorporación ao orzamento dun total de 350.000 euros do remanente municipal para estas axudas.
Tal e como vén de afirmar o goberno socialista no pleno, “as bases foron consensuadas coa oposición en varias reunións, entre elas nunha Comisión Informativa de Emprego e tamén en Xunta de Voceiros, en base a unha proposta do propio goberno tras o compromiso reiterado en varias mocións presentadas polos grupos da oposición”.
Deste xeito, “a única intención da oposición é facer ruído”, posto que, segundo a LBRL, “as modificacións do orzamento son competencia exclusiva da alcaldía”, polo que a oposición non é competente para levar a cabo esta petición que formulan no pleno extraordinario. Pero o engano aínda chega máis alá, “sen a liquidación do ano 2020 non existe o remanente do que falan, polo que non se pode incorporar esta contía, nin eles como oposición, nin agora mesmo nós como goberno”, aseguran.
Os servizos económicos do concello son os encargados de realizar esta liquidación, “momento no cal se disporá dos cartos para as bases, que por certo, tal e como están presentadas pola oposición, esquecen sectores fundamentais como os taxistas ou as librarías”.
Ademais, os socialistas quixeron lembrar que “tanto Vilalba Aberta como Partido Popular votaron en contra da incorporación de remanentes da anterior anualidade, sendo unha das medidas o Plan Reactiva Vilalba, unha campaña que inxectou preto de 340.000 euros no comercio local”. Afirman que “daquela non lles importaba tanto axudar ás pequenas empresas de Vilalba, o que evidencia que o único que lles importa é confundir e enganar á xente asegurando publicamente que o pleno extraordinario aproba ditas bases, cando non teñen a competencia para facelo nin se pode incorporar a partida sen a liquidación feita”.
Para rematar, analizan esta “escenificación como un punto de inflexión na lexislatura, cunha Vilalba Aberta que di tomar a iniciativa indo a buscar os votos dos concelleiros populares sen ningún complexo, e cun Partido Popular apoiándose nun partido que atacaban sen piedade desde o inicio da súa andaina política. Todo con tal de tratar de debilitar ao goberno socialista”.
PARTIDO POPULAR
O PP pola súa conta insiste na necesidade de atender con urxencia á hostalería, o comercio e o tecido económico vilalbés porque “se as axudas para afrontar as dificultades da pandemia non se dan axiña, igual despois é demasiado tarde”. Así explican os populares un dos obxectivos do pleno extraordinario celebrado este martes a petición de concelleiros do Grupo Popular e de Vilalba Aberta no que, finalmente, se aprobaron as bases reguladoras do programa de axudas a autónomos e pemes afectados pola crise da covid-19 e a incorporación ao orzamento de 350.000 euros procedentes dos remanentes cos votos a favor dos grupos da oposición e os votos en contra do goberno municipal. “Unha vez aprobadas as bases das axudas correspóndelle ao goberno local axilizar o procedemento para a incorporación de remanentes para materializar as achegas”.
Os populares cren que “non é de recibo que o equipo de goberno leve perdendo o tempo tres meses dende que fora acordado no pleno correspondente ao mes de xaneiro o desenvolvemento deste programa de axudas”. Así mesmo, explican que “había un acordo dos grupos en relación ás bases” e, polo tanto, “non se entende o atraso se non é pola clamorosa incapacidade de xestión do goberno local” que é “o que xustifica a necesidade deste pleno”.
En relación á incorporación de remanentes, o voceiro popular Agustín Baamonde lamenta que “o equipo de goberno lle bote a culpa a intervención pola tardanza na elaboración do documento da liquidación do exercicio 2020” porque “o motivo de que se atrase é a falta de persoal que se debe, á súa vez, a que o goberno municipal leva dous anos sen facer a Relación de Postos de Traballo (RPT)”. É dicir, para o popular “o goberno local é o responsable do atraso da liquidación que supón o atraso da incorporación de remanentes”.
Baamonde sinalou que “o goberno local ten que ser consciente de que dende a ruptura do pacto de goberno está en minoría e, polo tanto, ten que chegar a acordos coa oposición para sacar adiante proxectos transcendentais que precisan financiamento”. A este respecto, o popular lembra que “para dispoñer de orzamento precisa da colaboración da oposición que xa lle manifestou en numerosas ocasións a súa vontade “leal e nobre” de cooperación que o goberno local se nega a aceptar” nun exercicio de “desprezo clamoroso precisamente ante a actual situación”.
Acordos en beneficio do desenvolvemento de Vilalba
O voceiro do Grupo Municipal Popular explicou que “apoiamos a incorporación de remanentes para financiar o plan de apoio á hostalería e ao comercio. O que non vamos a apoiar é a incorporación de remanentes para financiar os caprichos do equipo de goberno. A pelota está no tellado do goberno municipal: se queren atender aos intereses de Vilalba e ás cuestións que inciden no seu desenvolvemento, teñen que ir da man da oposición e chegar a acordos”.
Os populares non están dispostos, polo tanto, a “aprobar os orzamentos ou a incorporación de remanentes sen chegar a acordos” e tampouco aceptan “ligar a incorporación de remanentes ás axudas ao tecido económico. Primeiro as axudas aos que as precisan con urxencia e logo negociar a incorporación de máis remanentes igual que o orzamento municipal”, rematan.