"Despois de dous anos de pandemia consideramos que tiñamos que asumir nós o compromiso de organizar as festas"

TerraChaXa
Entrevista a Vicente Roca, concelleiro de Cultura das Pontes, organizadora principal das festas do Carme e a Romería da Fraga.
vicente roca, concelleiro de cultura as pontes
10 Xul 2022

Vicente Roca, concelleiro de Cultura das Pontes, organizadora principal das festas.

Que o máis destacado das festas deste ano?

A novidade principal é volver á normalidade, despois de dous anos nos que fixemos actividades e propostas para solventar a situación pandémica pero este ano volvemos ás festas patronais como as coñecemos, todo en aberto e sen restricións de público nin medidas, agás as dadas pola seguridade de eventos no exterior. Como novidades gustaríame destacar que ademais das orquestras tradicionais imos ter unha alternativa de concertos dunha entidade importante que se desenvolverán na rúa 8 de marzo, no Canal IV, cun escenario dunhas dimensións de maior relevancia para dar cabida a alternativas musicais que teñen un público máis amplo como Tanxugueiras, e mesmo alternativas dun público minoritario ou indie, como Travis Birds e Tu Otra bonita, ademais do concerto de Sabela Ramil.

Estes concertos non van ser simultáneos coas orquestras, xa que terán horarios diferentes. Repartimos así tamén o movemento da xente para que non toda estea no mesmo lugar.

Recupérase a alfombra floral?

Vai haber alfombra floral. Farase unha alfombra na honra da Virxe do Carme, na praza que leva o seu nome, durante a madrugada do sábado ao domingo, quedando rematada a primeira hora da mañá e lista para a procesión diurna do Carme. Hai un grupo de personas que levan anos elaborando as alfombras florais, este ano continúan e como sempre, é un proxecto aberto á participación de toda a veciñanza.

Outra cita imprescindible que se recupera é a Romería da Fraga.

Si, este ano recupérase tamén a Romería da Fraga tal cual a coñecemos. Xa dende o 23, sábado, iniciaremos as actividades. Ese día está reservado para grupos das Pontes que farán pasarrúas dentro da carballeira e á noite tocará o noso arcordeonista, dos mellores do panorama musical, Andrés Penabad. Tamén haberá un concerto do grupo histórico local Muxarega, acompañados polo grupo Os d' abaixo.

O día 24 tamén haberá pasarrúas pola carballeira con grupos tradicionais como Carapaus e tamén formacións das Pontes. Inciarase o festival folk o domingo con Xabier Díaz e Adulfeiras do Salitre, Xisco Feijoo e Lilaina para rematar con La Duendeneta, con Cris DJ, que ten unha sesión exclusiva de música en galego feita por mulleres que é a nosa proposta este ano. E xa o día 25 será a propia Romería da Fraga coa sesión vermú e durante toda a tarde tocarán as charangas que nos últimos anos, durante a pandemia, trouxemos para dinamizar as rúas. Foron unhas charangas que deron moixo xogo e que encaixarán moi ben na Fraga. Rematarase co pase nocturno da orquestra La Ola.

Entón temos unha combinación de música moderna, música tradicional e orquestras?

A base deste ano é facer a maioría das actuacións con empresas galegas e artistas galegos, retomando a senda do folk tradicional e eses grupos que son dos máis punteiros na escena musical galega e combinándoos con orquestras e tamén outros grupos que son xa referentes da música de alto nivel. Este ano imos intentar diferenciar a Festa do Carme da Festa da Fraga. De feito, temos un cartel diferente para cada celebración.

Como se escolleu o pregoeiro?

Desde o Concello eramos conscientes de que tiñamos unha débeda cos diferentes colectivos que velaron pola nosa saúde e seguridade no peor da pandemia. Serán eles os encargados de levar a cabo o pregón, xente de Protección Civil, sanitarios, Policía Local e outros servizos básicos, como a xente nos supermercados, por exemplo, eses colectivos que coidaron de nós. Estes pregóns colectivos levan anos facéndose nas Pontes, é algo habitual, sinal de identidade do noso alcalde.

"Recuperamos algo que facía tempo que non tiñamos, que son as sesións vermú pero con orquestra, que se van ter sábado e domingo"

"Desde o Concello eramos conscientes de que tiñamos unha débeda cos diferentes colectivos que velaron pola nosa saúde e seguridade no peor da pandemia"

Hai apartado tamén para deportes?

Retómanse os eventos deportivos propios da festa, como os campionatos que se fan na Sociedade Deportiva Pena da Revolta, unha clásica de regularidade de coches clásicos, o Samurai Xtreme, torneo de tenis... os eventos tradicionais destas datas, que levan xa 25 edicións, 32 noutros casos, e tamén unha concentración moteira. Algúns destes actos teñen lugar a fin de semana anterior ou a posterior pero se integran tamén na programación das festas.

Por que se fai este ano cargo da organización das festas o Concello?

Durante moitos anos a comisión de festas, cun núcleo duro conformado por Pablo, Fina e Ramón e que cada ano ía cambiando a xente para axudalos, fixeron este traballo de forma altruísta e xenerosa, un labor que me consta que é árduo e de moito traballo, ingrato tamén moitas veces porque non todo é do gusto de todo o mundo e sempre hai alguén desconteto. Despois de dous anos de pandemia, un deles cunha festa alternativa, consideramos que tiñamos que asumir nós ese compromiso porque, a día de hoxe, a nivel de espectáculos públicos xa estaba ben de delegar nesa xente esa responsaibilidade. Non quita que o vindeiro ano non poda retormarse esa versión da comisión coa financiación do Concello pero nesta ocasión, sendo as primeiras despois de todo isto, consideramos que tiñamos que ser nós.

Nas festas non só está implicada a concellería de Cultura?

Parece que a organización das festas é só Cultura pero por exemplo o departamento de obras e servizos é fundamental e imprescindible. Sen eles non se pode levar a cabo nada disto. Non se lles ve pero se non están non se fai nada. Tamén dende Turismo, Elena foi copartícipe en todas e cada unha das actividades que se realizan. De feito sempre estamos man a man xa que a Cultura tamén é un dos motores para atraer turismo. Estas actividades son un reclamo para a veciñanza pero tamén para os foráneos. Na organización das festas pero tamén no resto das actividades e todo o ano imos man a man. En agosto haberá actividades tamén importantes no lago e todo sae das dúas concellerías.

As festas son  un reclamo para a contorna?

Sí, creo que son as festas máis potentes a nivel comarcal, salvando a cidade de Ferrol e Narón pero creo que son dos reclamos máis importantes. Sempre se trouxeron o máis potente das orquestras galegas e alternativas musicais de primeira índole. Este ano, a evidencia é o prato forte, as Tanxugueiras. Os días grandes das festas buscamos o mellorciño como París de Noia, Panorama, Los Satélites. Ademais recuperamos algo que facía tempo que non tiñamos, que son as sesións vermú pero con orquestra, que se van ter sábado e domingo.

Tamén contades cun importante respaldo ao folclore.

Como todos os anos contamos co Festival Folclórico Internacional, unha tradición na nosa vila, que reúne grupos folclóricos de relevo que se achegan á nosa vila e que este ano retomamos no seu formato máis potente no pavillón municipal. Previamente dende hai tres anos temos tamén o festival Son as Pontes que se está convertindo na referencia a nivel comarcal na música clasica porque veñen do mellor e máis granado do panorama galego de concertistas, e tamén de xente de fóra das nosas fronteiras. Tamén estreamos un concurso internacional de música de cámara que se celebra na semana previa, do 9 ao 14 de xullo, que leva xa tres anos con nós e está calando na vila e se achega xente de fóra porque é unha proposta de primeiro orde.

E para os máis pequenos?

Tamén teremos espectáculos itinerantes para os máis pequenos. Se nos acompaña o tempo faremos as cousas no exterior como no resto de actividades. Tamén teremos a exposición Unha foto e un poema, outro clásico, que recolle a historia de mulleres que fixeron das Pontes, será no xardín do campo da feira.

0.10380482673645