Destacan en Begonte a Aula da Natureza como un espazo que pon en valor o patrimonio etnográfico

TerraChaXa
A conselleira María José Gómez visitou as instalacións deste proxecto, impulsado polo GDR-Terra Chá
aula-da-natureza-begonte
24 Jan 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou as instalacións da Aula da Natureza e Centro de Interpretación do concello lucense de Begonte, que se está a consolidar como un “espazo ideal” no que poñer en valor o medio natural, cultural, patrimonial e etnográfico.

Nesta visita puideron coñecer de primeira man este proxecto, impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, que opera nesta contorna, e que conta cun investimento de algo máis de 50.000 euros procedente da medida Leader. A través deste orzamento puido levarse a cabo unha reforma integral da edificación anexa á escola de Begonte na que se localiza a Aula da Natureza.

A conselleira salientou que se trata dunha iniciativa de especial interese nesta zona, xa que se atopa moi preto da reserva da biosfera Terras do Miño e do espazo natural LIC Parga-Ladra-Támega. Neste sentido, o proxecto encaixa nos obxectivos marcados polo programa Leader, que procuran impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas.

"Ademais, cunha iniciativa destas características, contribúese a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural; así como para dinamizar o tecido socioeconómico destas zonas, impulsando a súa economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación", dixo.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asinou o ano pasado un novo convenio de colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural para a aplicación de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Polo tanto a medida Leader, que se atopa no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, está dotada de 56,9 millóns de euros ata 2027.

Preto do 31% deste orzamento, uns 17,6 millóns de euros, irá destinado aos gastos de funcionamento dos GDR e serviranlles para poder dispoñer dos medios humanos e materiais necesarios para desempeñar as súas funcións. Os 36,3 millóns de euros adicionais serán para as operacións a terceiros, que se executarán a través de diferentes liñas de axuda para operacións a terceiros.

Mentres o programa Leader estivo incluído na medida 19 do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos. Deste xeito, mobilizáronse algo máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns para operacións a terceiros.

0.16550302505493