Destacan en Begonte as vantaxes da dixitalización no sector forestal

TerraChaXa
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) pon en valor a implantación de solucións para a captura de datos, a automatización ou supervisión remota
forestal-rua-begonte
18 Jul 2025

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, salientou hoxe as vantaxes de poñer as solucións dixitais ao servizo da cadea monte-industria porque permiten optimizar as operacións loxísticas das empresas do sector.

Fernández Ríos visitou en Begonte os traballos que está a realizar a pé de monte Forestal Rúa, unha empresa rematante beneficiaria do programa de axudas da Xunta para valorización de produtos en madeira; en concreto, da liña de dixitalización, que lle permitiu implantar unha plataforma integrada para a xestión en tempo real do transporte e o rastrexo da madeira desde o monte ata a fábrica.

O director da Xera presenciou, así, o seu funcionamento durante unha carga de madeira no monte con destino a un serradoiro e unha fábrica de taboleiros locais. Segundo dixo, este tipo de aplicacións permiten aos transportistas ter información actualizada sobre o estado das cargas para, así, planificar a xestión das flotas; aos rematantes, facilítalles poder xestionar de modo eficiente e automatizado a asignación de lotes; e, á industria, planificar as entradas de mercadoría e automatizar os controis de acceso.

Na convocatoria do pasado ano, resultaron beneficiarios un total de 29 proxectos de empresas por importe de 237.000 euros para a implantación, maioritariamente, de sistemas de captura de datos, automatización ou supervisión remota e, en xeral, de xestión da cadea de subministración.

É unha liña de apoios con axudas máximas de ata 60.000 euros que aínda se pode solicitar este ano ata o vindeiro 1 de agosto.

⚙ Configurar cookies
0.57077312469482