Destacan en Friol os proxectos de emprendemento empresarial no rural de Lugo
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou que a rede de viveiros industriais da provincia de Lugo presta apoio e asesoramento a 17 proxectos de sectores da industria da alimentación, a maquinaria agrícola, o metal mecánico ou o sector da transformación da madeira, dos cales nove xa operan desde as infraestruturas da rede e os restantes oito atópanse nunha fase de asesoramento previa á súa incorporación.
Ardao fixo esta aseveración na visita ao viveiro industrial de Friol, un dos que está operativo na provincia de Lugo xunto cos de Bóveda, Monforte de Lemos, O Corgo, Outeiro de Rei, Paradela e Portomarín. Segundo apuntou, Lugo acolle o 32 por cento dos viveiros actualmente en funcionamento en Galicia, un instrumento de impulso á dinamización e captación de novos proxectos industriais para que se instalen e crezan no rural.
Nestes espazos, as persoas emprendedoras benefícianse de formación e asesoramento en boas prácticas para a posta en marcha, a mellora competitiva e consolidación dunha nova empresa no rural, ademais de poder acceder aos espazos e infraestruturas dispoñibles neles a prezos competitivos.
O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Economía e Industria é atraer ou crear novos proxectos industriais vencellados a sectores estratéxicos para a provincia de Lugo, como o agro-gandeiro, a industria da alimentación, enerxías renovables e maquinaria industrial, de xeito que se fortalezan as cadeas de valor existentes e incremente o tecido empresarial lugués.
A rede de viveiros industriais de Galicia está formada por 22 iniciativas distribuídas polas catro provincias, 17 deles están dispoñibles e cinco en fase de construción, e ten como obxectivo captar novos proxectos que se asenten no rural para o impulso da economía da contorna e os sectores produtivos de cada territorio.