Destacan o labor do Asilo de Vilalba coa iniciativa 'Ningún maior só este Nadal'

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe a importancia de que os centros residenciais fomenten actividades que favorezan a participación activa das persoas usuarias. Fíxoo durante unha visita ao Hospital Asilo de Vilalba, un dos centros no que se desenvolve a iniciativa Ningún maior só este Nadal da Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social (Acolle) e que conta co apoio da Xunta.
Antón Acevedo desexou ao persoal, usuarios e familiares do Hospital Asilo unhas boas festas. Así mesmo, sinalou que a través deste tipo de propostas nas que xoga un papel moi importante o voluntariado, tamén se evitan situacións de soidade non desexada e sentimentos de illamento entre os maiores.
Nesta liña, referiuse a outro programa que ten en marcha nestas datas a Xunta e que ten o mesmo obxectivo: Xuntos polo Nadal, que ten lugar desde mañá martes e ata o día 7 de xaneiro de 2026 nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño.